Luismi deixa o Pontevedra para fichar polo Cultural Areas
Por Ramiro Espiño
Pendente unicamente do anuncio oficial por parte do Pontevedra, segundo puido saber PontevedraViva, Luismi causa baixa no equipo granate para fichar polo Cultural Areas. O xogador solicitou a baixa ante a falta de oportunidades coas que estaba a contar, coa intención de dispoñer de máis minutos de xogo e de feito xa non participou no partido correspondente ao Trofeo Luis Otero, ante o Celta de Vigo.
O dianteiro chegaba ao Pontevedra a comezos da tempada pasada, procedente do CD Ourense, pero unha inoportuna lesión de xeonllo impediulle render ao seu mellor nivel e ter a continuidade necesaria no equipo. Tras pasar polo quirófano no mes de xuño pasado, Luismi tampouco conseguiu facerse un oco no equipo, nin con Manu Fernández, nin agora con Luisito, disputando unicamente uns poucos minutos, motivo que o levou a querer cambiar de aires.
Aínda que o Ribadumia de Gabi Leis tamén mostrara interese en facerse cos seus servizos, finalmente a proximidade ao seu domicilio en Vigo, xunto co feito da presenza no banco de Fonsi Valverde, que o coñece perfectamente, decantou a balanza do lado do cadro ponteareano, incorporándose de inmediato ao Cultural Areas, equipo co que podería xogar xa o próximo domingo.
O club granate sonda o mercado para reforzar o plantel
A marcha de Luismi do Pontevedra deixa un oco no plantel que podería abrir a porta á incorporación dalgún novo xogador. Mesmo podería non ser a única. De feito circulan insistentes rumores que apuntan a que o club granate está a sondar diversas posibilidades que ofrece o mercado, co fin de reforzar o equipo nalgúns postos clave que os responsables consideren necesarios.