Primeiro punto para o Leis tras empatar na casa (4-4) contra o Albense
Por Redacción
O Leis Pontevedra estreou por fin a súa conta de puntos. Fíxoo este sábado na casa, no Pavillón Municipal, cun empate a 4 ante o Albense que, ao igual que os pontevedreses perderan os seus dous primeiros partidos.
Os homes de Manu Cossío saíron con ganas dende o primeiro minuto. Exercían unha presión asfixiante e saían con rapidez á contra. Pero serían os salmantinos os que abriran o marcador. Un balón roubado no bordo da área local remataba na portaría pontevedresa grazas a Roberto. Era o minuto 7. Reaccionou o Leis, que dispuxo de numerosas ocasións para o empate, pero o partido volveuse máis trabado e chegouse con ese 1-0 ao descanso.
Na segunda parte, o Leis saíu decidido a remontar o partido e conseguíao en pouco tempo. No minuto 21 Carlos enviaba o balón ao fondo da portaría ao enganchar unha volea tras un centro de saque de córner de Pablo e tres minutos despois Jose Barcala roubaba a pelota en media pista e conduciuna ata superar o porteiro visitante. Pero de novo lograba igualar o Albense, no minuto 27, por medio de José Luis tras un saque de córner.
Nese mesmo minuto volvía adiantarse o Leis cun gol de libre directo de Pablo Durán. Era o 3-2 e o partido entrou nese momento nun toma e daca no que ambos os dous equipos ampliaron a súa conta de goles. José Luis era o encargado de situar o 3-3 no marcador e pouco despois Álex puxo os pontevedreses por diante. Pero os charros non se deron por vencidos e asinaron o 4-4 definitivo tras un córner lanzado na última acción do encontro.
LEIS PONTEVEDRA (4): Daniel, Carlos, Alex, Sepa, Martín, Taboada, Rama, Sergio García, Barcala, Pablo Durán, Rubén, Pocho.
ALBENSE (4): Azman, José Luis, Alberto, Arturo, Diego, Víctor, Alberto, Isaac, Roberto, Marcos, Pablo Montes, Jaime.
Árbitros: Fernández Méndez e Novo García.
Goles: (0-1) Minuto 7: Roberto. (1-1) Minuto 21: Carlos. (2-1) Minuto 24: Barcala. (2-2) Minuto 27: José Luis. (3-2) Minuto 27: Pablo Durán. (3-3) Minuto 34: José Luis. (4-3) Minuto 35: Alex. (4-4) Minuto 39: Diego.