Viva a Copa! O Teucro dáse un festín (43-35) a custa do Amenabar ZKE nun partido sen rigor defensivo
Por Ramiro Espiño
Cando un partido de balonmán chega ao descanso cuns algarismos no marcador que con frecuencia non se alcanzan en moitos encontros ao final dos 60 minutos, pouco máis hai que comentar que dicir que as defensas simplemente non existiron e que o xogo estivo moi próximo a un "correcalles".
As accións dun e outro equipo foron: chegada, apenas un pase e lanzamento. Sen a máis mínima elaboración. Iso e algún contraataque por parte local, porque o Amenabar Zarautz se equivocou na súa proposta. Quixo correr e niso esta tempada, polo visto ata o momento, o Teucro móvese moi a gusto.
Certo que tras uns primeiros minutos de dominio local os vascos conseguiron neutralizar a diferenza inicial de tres goles a favor do cadro teucrista, que nin defendía nin lograba parar a mobilidade de Erik Balenciaga. Pero Quique Domínguez dixo basta. Pediu tempo morto. Deu entrada en portaría a Santiago Gómez, e apagouse a luz para os visitantes, coa achega dun Edu Moledo brillante.
Cinco paradas consecutivas do meta local permiten ao Teucro pasar do 12-13 en contra ao 17-13, a favor. A partir de aí todo foi remar a favor de corrente e ir incrementando a diferenza.
Non pasaran nin cinco minutos do segundo tempo cando xa o Teucro superara a cifra de 30 goles na súa cuadrícula. Como o Amenabar mantivo a súa proposta suicida, a consecuencia foi que o partido continuou a un ritmo frenético no que as accións de ataque se sucedían case sen respiro, con goles de todas as facturas e unha diferenza clara en ambas as dúas portarías, xa que se a local achegou e moito, a visitante case se limitou a sacar balóns do fondo da rede.
E se o marcador non foi aínda máis avultado deben agradecerllo os vascos a que o Teucro tomou con tranquilidade a recta final do partido, tanto como os espectadores e ata o rapaz da megafonía, que de facer horas extras pasou a non berrar sequera os goles do equipo.
SD TEUCRO (43): Ricardo Amérigo; David García Pichel (7), Gonzalo Carró (1), Carlos García 6, 3 de penalti), Borja Pedreira (3), Dani Hernández (5), Edu Moledo (8) -sete inicial-, Santiago Gómez (p.s.), Carlos Pombo, David Chapela (2), Adrián Pumar (4), Marcos Dorado, Víctor Rodríguez (3), Iván Fernández (3) e José Carlos Ameijeiras (1).
AMENABAR ZKE ZARAUTZ (35): Javier Labairu; Ánder Atorrasagasti (5), Erik Balenciaga (9, 3 de penalti), David Aguirrezabalaga (5), Josu Lertxundi (2), Txomin Bujanda (5), Jurgi Ondarra -sete inicial-, Míkel Roteta (p.s.), Josu Atorrasagasti (1), Ánder Gárate, Míkel Iraeta (2, 1 de penalti), Íñigo Etxaniz (3) e Míkel Beristáin (3).
Árbitros: Sergio Francisco Gallardo Cabello e Francisco José Gallardo Cabello (Andalucía). Descualificaron con vermello directo o xogador local Marcos Dorado, a falta de 1'32,". Excluíron por dous minutos a Borja Pedreira, Iván Fernández, Marcos Dorado, David Chapela e Gonzalo Carró, polo Teucro, e a Josu Atorrasagasti, Ánder Atorrasagasti (2) e Josu Lertxundi, polo conxunto visitante.
Marcador (cada cinco minutos): 6-3, 10-8, 11-11, 16-13, 22-16, 27-18 (descanso), 30-21, 32-22, 33-26, 36-29, 40-33 e 43-35 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Partido correspondente á primeira eliminatoria de Copa do Rei. Uns 350 espectadores.