A orde táctica e motivación do Xuventú Sanxenxo sorprenden (0-1) a un triste e desacertado Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Sorpresa e das gordas en Pasarón. Un recén ascendido e modesto Xuventú Sanxenxo fixo boa a súa condición de líder e levouse no desconto unha vitoria que fai saltar as alarmas no equipo de Manu Fernández, á par que acrecienta as dúbidas sobre o potencial dun plantel que se vendeu para ser claro dominador da categoría, e que encadea xa dúas derrotas consecutivas e con mal xogo no seu feudo.
Os granates foron vítimas de ese mal xogo, da falta dun organizador na zona ancha, de permitir un partido de ida e volta, sen control, pero especialmente da súa falta de puntaría fronte a un Xuventú de Sanxenxo intenso, motivado, cun extraordinario orde táctico e que soubo sufrir á par que crer nas súas posibilidades, moito máis a medida que os locais ían fallando ás veces de forma incomprensible as ocasións de gol creadas.
Se houbese que xulgar polos primeiros quince minutos o partido sería un verdadeiro tostón, carente da máis mínima calidade e no que ninguén conseguía dar dous pases seguidos antes de perder ou simplemente rifar o balón, nun insulso ir e vir sen control de ninguén.
Uns e outros rivalizaban nun xogo aburrido, carente de perigo, que remataba preto das áreas, pero nunca nelas. Os granates, obrigados pola súa condición de local e a súa teórica superioridade, non encontraban a forma de baixar a pelota e combinar cos homes de arriba. Carentes dun organizador que puxese orde, as acometidas limitábanse a buscar en longo a un Anxo de novo desacertado nos controis.
O Sanxenxo non sufría, pero tampouco encontraba o camiño para inquietar a Lloves. E nesas estabamos ata que o partido rompeu do lado local pasado o minuto 17. Mouriño sacou unha falta dende a frontal que Álex Vila mandou a corner. Coma se fose un toque a rebato os locais crecéronse e acumularon ocasións, tantas como fallaron no remate.
Un rexeitamento de Lloves en longo báixao Jorge para rematar a media volta rozando o longueiro. Logo sería a quenda de David Feito. O seu remate saíu excesivamente cruzado. Máis clara aínda sería a de Anxo, que recibe un excelente pase de Fran Fandiño, queda só pero con demasiado tempo para pensar (minuto 22) e estrela o disparo nas pernas de Álex Vila.
A seguinte sería para Pedro García. O seu remate de cabeza á saída dun corner, mandaríao de novo á esquina o meta visitante.
Foran cinco claras ocasións en apenas sete minutos. Todas falladas. Todas perdidas cando podían ter resolto ou encarrilado o partido pola vía rápida.
O Sanxenxo non conseguía saír da súa parcela. O seu único disparo a porta careceu de perigo e nin sequera encontrou portaría. Por se fose pouco chegáballe a lesión de Nel, que tivo que ser substituído, pero curiosamente esa circunstancia arrefriou o partido, conseguindo o que o equipo non puidera facer, ao romper o ritmo local.
Tanto que os de Manu Fernández tardaron en volver crear perigo, aínda que cando o fixeron de novo rozaron o gol, cun disparo de Mouriño (minuto 37), que se estrelou na travesa, tras un pase de Anxo.
Aínda dispoñerían os locais dunha última ocasión antes do descanso, cunha falta botada por Mouriño que encontrou a Jorge, pero o seu remate de cabeza foise desviado.
A sensación era que o Pontevedra perdoara e que o Sanxenxo caería como froita madura, aínda que tamén había certo temor polo elevado número de oportunades desperdiciadas.
Pero lonxe de mellorar a situación ao comezo do segundo tempo, o cambio de Centrón por Anxo unicamente contribuíu a anular a banda esquerda do ataque local. E o Sanxenxo foise arriba, facendo saltar as primeiras mostras de clara desconformidade na bancada por parte da afección local.
Tanto que Manu Fernández se viu obrigado a sacar a artillaría e recorrer a Pablo Carnero, prescindindo dun medio centro para pasar a un sistema 4-4-2 e xogar con dous dianteiros. E chegaría unha nova ocasión clara, minuto 58, cun centro atrasado de Fran Fandiño que Jorge non aproveita, ao rematar a pracer sobre o pé do porteiro visitante.
Logo daría entrada a Luismi, pero sería o Sanxenxo quen comezase a dar sinais de vida en ataque. Primeiro cunha falta botada por Suso Martínez que Diego González remata de cabeza fora (minuto 62). Logo cunha rápida contra na que Hugo chega sen alento e o seu disparo o salva Lloves.
Responden os granates cun tiro cruzado de Pablo Carnero, que marcha cruzado, e o Sanxenxo faino a través de Ramón, que de novo se topa con Lloves.
O partido entrara nunha perigosa montaña rusa na que calquera podía marcar. E o Pontevedra daba mostras inquietantes de que o equipo dominante na categoría que se supón debe ser, segue sen dar sinais de vida pola falta dun cerebro que canalice o xogo, mentres os de Ángel Oliveira comezaban a dar síntomas de cansazo para intentar buscar unha contra.
Jorge dispara alto, cando tiña a Pablo Carnero en mellor posición. Aí rematouse o Pontevedra, que entrou en situación de encefalograma plano. Quedaban aínda 17 minutos, pero os granates non só foron incapaces de xerar máis situacións claras de perigo, senón que mesmo viron como unha rápida contra de Rubén a remata Ramón, só, desviada da meta dun vendido Lloves.
Foi un anticipo do que sucedería no desconto. Xusto antes de que Pablo Carnero perdoase a sentenza a favor do cadro local, cun disparo que se vai ao longueiro (minuto 93), un erro na saída de balón da zaga granate deixa só a Hugo, que recibe e fusila a Lloves para certificar unha vitoria tan sorprendente como merecida pola intensidade que puxeron no partido, ademáis de pola súa orde táctica, unido todo iso ao desacerto rematador dun Pontevedra sen rumbo.
PONTEVEDRA CF (0): Lloves (2); Campillo (0), Pablo (1), Capi (0), David Feito (1); Pedro García (0), Kevin Presa (1); Fran Fandiño (1), Mouriño (0), Anxo (1); e Jorge (0).
Substitucións: Centrón (1) por Anxo, minuto 46. Pablo Carnero (1) por Kevin Presa, minuto 57. Luismi (1) por Fran Fandiño, minuto 62.
XUVENTÿ SANXENXO (1): Álex Vila (3); Héctor (2), Guille (2), Alfonso (2), Suso Martínez (2); Jonatan (3), Cuchi (2); Hugo (3), Nel (1), Diego González (2); e Ramón (2).
Substitucións: Rubén (2) por Nel, minuto 29. Deivi (s.c.) por Ramón, minuto 92.
Árbitro: Adrián García Rodríguez (A Coruña) auxiliado nas bandas por Marco Gil Soriano e Ángel Acuña Piñeiro. Amoestou a Centrón e Capi, polo conxunto local, e a Suso Martínez, Diego González, Ramón, Cuchi e Álex Vila, polos visitantes.
Goles: (0-1) Minuto 94: Hugo.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.500 espectadores.