12 horas en bicicleta "para todo o mundo" no Pontillón do Castro
Por Diego Espiño
Os responsables da primeira Pontevedra BTT 12 Horas Non Stop presentaron oficialmente a proba que se celebrará en Verducido o próximo sábado 4 de outubro.
Finalmente a proba transcorrerá nun circuíto de 10,5 quilómetros con base nas instalacións deportivas do encoro de Pontillón do Castro, que se converterá nunha "zona cero" con con carpas, tendas e animación para todos os que se acheguen ao lugar.
A proba, non competitiva, pódese afrontar por equipos de ata catro compoñentes ou en solitario cun esquema similar ás probas automobilísticas de resistencia, é dicir, cunha zona de 'pit lane' onde realizar os relevos.
Tal e como sinala a organización, a cargo da empresa Global DxT e A Roda do Demo, trátase de "unha proba para todo o mundo", independentemente da preparación física dos participantes.
Para completar a xornada festiva, que arrancará ás 9:00 horas da mañá, organizaranse actividades paralelas para os acompañantes dos deportistas, como unha ruta de sendeirismo ou a presenza de monitores que prepararán xogos para os nenos.
As incripciones achéganse xa ao centenar de participantes e péchanse o próximo 20 de setembro nas canles habilitadas, a páxina www.globaldxt.com ou no Hotel Avenida de Pontevedra.