Verducido acollerá unha carreira de BTT por equipos de 12 horas
Por Diego Espiño
O encoro do Pontillón do Castro, en Verducido, será o punto de saída e chegada dunha nova competición para bicicletas todo terreo, as '12 horas Pontevedra non stop'.
Trátase dunha proba por equipos, aínda que tamén pode realizarse de xeito individual, cun esquema similar ás probas automobilísticas de resistencia.
Desta forma o evento, que non será competitivo, desenvolverase nun circuíto de 8 quilómetros dende o encoro no que se habilitará un 'pit lane' para realizar os relevos.
A carreira está fixada para o día 4 de outubro, as 9:30 horas, e os equipos poderán ser integramente masculinos, femininos ou mixtos.
A organización, a cargo da empresa Global DxT coa colaboración do Instituto Municipal de Deportes, A Roda do Demo e a Federación Galega de Piragüismo, habilitará ademais diversas actividades para os acompañantes dos deportistas, como unha ruta de sendeirismo, xogos infantís ou un concurso fotográfico.
Pola súa banda os ciclistas contarán con servizo de avituallamento permanente, taller mecánico, zona de duchas, asistencia sanitaria e control de tempos por chip, o que permitirá instalar unha pantalla para o seguimento da carreira en tempo real.
A inscrición xa abriuse cun prazo que finaliza o 25 de setembro con descontos no prezo se se realiza con antelación a través da páxina web www.championchipnorte.com.