O Marcón non pode co Céltiga e cede un empate (0-0) na estrea do Carrasco na Preferente
Por Alejandro Espiño
Non puido debutar o Marcón Atlético no Carrasco con vitoria ante a súa afección. Os pontevedreses non pasaron do empate a cero ante o Céltiga de Ramiro Sorbet. Foi nun partido intenso, con dominio alterno no xogo e no que as ocasións máis claras de gol foron para os locais. A pesar diso, ningún dos dous equipos logrou impoñer a súa calidade sobre o terreo de xogo e a repartición de puntos foi xusta.
Os da Illa de Arousa estiveron moito máis activos nos 45 minutos iniciais. Un disparo de Rober que foi directo ás mans de Vladi foi o primeiro aviso. Era o primeiro minuto do partido. O porteiro local foi clave para que o Céltiga non se adiantase no marcador. No minuto 12 atrapaba unha perigosa falta directa lanzada tamén por Rober e tres minutos despois logrou desviar un remate de Yago Nogueira que se foi alto por moi pouco.
O Marcón apenas creou perigo na primeira metade, pero todo cambiou tras o descanso. O equipo de Carlés saíu con moitas máis ganas e un maior ritmo de xogo que o seu rival. Súas foron as mellores ocasións de gol, pero fallou o máis importante, a puntaría. O 1-0 puido chegar no minuto 50. Un bo centro de Marcos pola banda esquerda sorprendeu porteiro visitante, pero Aarón só ante a portaría mandou o balón por enriba do longueiro.
A medida que foron pasando os minutos, o cansazo empezou a causar efecto nos dous equipos, pero aínda tería o Marcón unha última oportunidade que levantou á afección dos seus asentos. A falta de cinco minutos para o final, tras varios remates dentro da área que logrou rexeitar o porteiro insular, o balón paseouse por diante da portaría sen que Aarón, o xogador máis próximo á liña de gol, fose capaz de empurralo á rede.
Con este resultado, o Marcón Atlético suma catro puntos en dous partidos. ÿ quinto na clasificación. Pola súa banda, o Céltiga logra con este empate o seu primeiro punto na tempada e sitúase no décimo quinto posto da táboa.
MARCÿN ATLÿTICO (0): Vladi, Marcos, Valiñas, Arturo, Aarón, Iván (Álvaro, minuto 80), Castesana, Yago (Rodri, minuto 89), Fer (Adrián, minuto 75), Gelillo e Héctor (Racha, minuto 66).
CÿLTIGA FC (0): Marcos, Janeiro, Segura, Yago Nogueira, Carlos, Minso (Rubén, minuto 68), Pablo (Álex, minuto 82), Lucas, Marcos Castro (Yago Martínez, minuto 46), David Cal e Rober (Berto, minuto 62).
Árbitro: Alejandro Castro Alarcón, auxiliado nas bandas por Gonzalo Gondar e Antonio Garrido. Amonestou con tarxeta amarela a Arturo, Fer, Gelillo e Aarón por parte do Marcón e a Lucas, Minso, Rubén, Yago Martínez e Carlos por parte do Céltiga.
Incidencias: Partido disputado no campo do Carrasco (Marcón). Uns 200 espectadores. Antes do saque inicial, a Federación Galega de Fútbol fixo entrega ao Marcón do trofeo que lles acredita como campións de liga 2013-2014 no grupo V da Primeira Rexional.
Relacionadas:
-
Uns nefastos quince minutos afunden un Marcón que cae goleado (4-1) ante o Portonovo en Baltar
Por Alejandro Espiño |
-
Pleno para o Portonovo, empate a domicilio do Villalonga e segunda derrota do Pontevedra B
Por Redacción |
-
Goleada do Marcón, triunfo do Portonovo e derrotas de Villalonga, Céltiga e Pontevedra B na estrea de Preferente
Por Redacción |