Uns nefastos quince minutos afunden un Marcón que cae goleado (4-1) ante o Portonovo en Baltar
Por Alejandro Espiño
Primeira derrota do Marcón Atlético na Rexional Preferente. O Portonovo infrinxiu un severo correctivo aos homes de Carlés, que caeron por un contundente e excesivo 4-1 no campo municipal de Baltar. Non mereceron tal castigo os pontevedreses, que comezaron o partido moi cómodos sobre o céspede. Súa foi, aos 4 minutos, a primeira oportunidade clara de gol. Iván roubaba un balón ao bordo da área e disparaba ás mans de Parada.
Pero todo cambiou no minuto 19. Hugo Soto, o home máis en forma do Portonovo (leva catro goles en tres partidos), facía o 1-0. Aproveitaba un contraataque perfecto e tras recibir o balón a uns 30 metros da portaría colocouse só diante de Vladi, a quen regateou sen problema para adiantar o seu equipo, que ata ese momento estivera a mercé do gran ritmo que impuxeran os visitantes.
Este primeiro gol do Portonovo caeu como un xerro de auga fría nas filas do Marcón, cuxos xogadores quedaron fóra de combate e sen capacidade de reacción. Así, tan só catro minutos despois chegaba o 2-0. Marcábao Nacho de cabeza, aproveitando un gran centro de Álex Cubas e o fallo de marcaxe da defensa visitante. E no minuto 34, o Portonovo facía o 3-0. Cuqui, tras un saque de esquina, mandaba o balón á escuadra esquerda de Vladi.
Moitos esperaban que na segunda parte se ampliase a goleada local, pero non foi así. Tras o descanso, o Marcón saíu mellor posicionado sobre o campo e lograba frear os sempre perigosos contragolpes dos xogadores do Portonovo. Pouco a pouco os pontevedreses, que desplegaron un bo xogo, fixéronse co balón e tras varios tímidos intentos, Iván recortaba distancias grazas a un golazo pola escuadra tras unha falta directa que se coaba á dereita do porteiro local
Era o minuto 59 e o Marcón soñaba coa remontada. A punto estivo Álvaro de lograr o segundo pouco despois. Pero sete minutos máis tarde chegaba o gol que sentenciaba o partido. Alberto, que substituíra a Chiqui no descanso, facía o 4-1 definitivo. A partir de aí, pouco que contar. Os visitantes non baixaron os brazos, pero encontráronse cun Portonovo que, grazas á calidade dos seus, non lles deu opción ningunha a crear máis perigo na súa portaría.
Con este resultado, o Portonovo é líder en solitario do grupo Sur da Rexional Preferente. Suma tres vitorias nos tres partidos disputados e demostra ser un dos favoritos ao ascenso. Pola súa banda, o Marcón cae á duodécima praza con catro puntos.
PORTONOVO SD (4): Iván Parada, Dopazo, Agra, Renda, Bea (Gándara, minuto 74), Brian (Vícto, minuto 62), Alex Cubas, Pablo, Hugo Soto (Sieiro, minuto 70), Nacho e Chiqui (Alberto, minuto 46).
MARCÿN ATLÿTICO (1): Vladi, Castesana, Marcos, Yago (Racha, minuto 46) , Tajes, Valiñas (Álvaro, minuto 46), Aarón, Arturo, Gelillo (Adrián, minuto 72), Zalo (Fer, minuto 46) e Iván.
Goles: (1-0) Minuto 20: Hugo Soto. (2-0) Minuto 24: Nacho. (3-0) Minuto 33: Chiqui. (3-1) Minuto 60: Iván. (4-1) Minuto 68: Alberto.
Árbitro: Eduardo Rivera Gores, auxiliado nas bandas por David Veloso e David Penedo. Amonestou con tarxeta amarela a Hugo Soto, Iván Parada e Gándara por parte do Portonovo e a Arturo, Aarón y Marcos por parte do Marcón.
Incidencias: Partido disputado no campo de Baltar (Portonovo). Uns 200 espectadores.
Relacionadas:
-
Catro de catro para o líder Portonovo, que se impón con claridade ao Erizana (1-4)
Por Redacción |
-
Un gol de Valiñas no desconto permite ao Marcón salvar un merecido punto (2-2) ante o Villalonga
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Paso adiante do Céltiga, empate para o Villalonga e terceira derrota do Pontevedra B
Por Redacción |
-
O Marcón non pode co Céltiga e cede un empate (0-0) na estrea do Carrasco na Preferente
Por Alejandro Espiño |