Adrián Camiño lidera o cómodo triunfo do Arosa (3-1) sobre o Silva
Por Manolo Reiriz
Poucas veces se sentiu coa emoción desta ocasión un minuto de silencio, mentres escoitabamos soar a ocarina do noso gaiteiro internacional Carlos Núñez, a mais dun dos presentes na Lomba púidolle a emocion recordando a un arosista de pro, humilde pero grande arosista, pois durante toda a súa vida a súa vinculación co club arlequinado marcou a todos os que lle apreciabamos, e domingo tras domingo durante tantos anos saudabamos na Lomba, como Andresiño.
O inicio da tempada en Vilagarcía veu acompañado dun partido raro, retardado quizais polos efectos da temperatura que atizaba a todos os presentes, uns no terreo de xogo e outros na bancada.
Non obstante vimos detalles de enorme calidade futbolística, case sempre nas botas do capitán arosista, Adrián Camiño. Non só polo seu formidable gol aos 75 minutos, senón tamén polo tempero e mando nas manobras de ataque locais.
O CD Silva pasou sen pena nin gloria polo ben coidado céspede da Lomba. O regalo da defensa e arco local permitiulle a Edu, no minuto 89, maquillar un resultado que definía a diferenza técnica entre ambos os dous equipos.
Dous goles, un de Yago Perez no minuto 13, grazas a un disparo afastado axudado por un bote dun metro antes de chegar ao porteiro, sumado a unha moi boa xogada da liña de ataque local, que permitiu a Eloy Fariña subir o terceiro gol ao marcador a porta baleira (minuto 84), definen a presentación oficial dos arlequinados ante o seu público, como sempre e aínda que agora non este presente con Andresiño na memoria.
AROSA SC (3): Jorge Pérez; Juanjo, Nano, Martín (Juan Martínez, min. 55), Alfonso; Yago Pérez, Vixo; Capelo (Eloy, min. 36), Adrián Camiño, Nando (Pablito, min. 46); e Quique Cubas.
SILVA SD (1): David Yáñez; Cardelle (Xaco, min. 69), Chiki, Miguel, Rebolo; Kata (Edu, min. 63), Uzal; Carlos, Marcos, Matías; e Penelas (César, min. 69).
Árbitro: Alain Kevin García Martín (Santiago), auxiliado nas bandas por Samuel Gil Caldelas e Miguel Ángel Vilas Lorenzo. Amoestou a Yago Pérez e Quique Cubas, polo Arosa, e a Rebolo e Marcos, polo equipo coruñés.
Goles: (1-0) Minuto 13: Yago Pérez. (2-0) Minuto 75: Adrián Camiño. (3-0) Minuto 84: Eloy. (3-1) Minuto 89: Rebolo.
Incidencias: Campo Municipal da Lomba (Vilagarcía). Uns 500 afeccionados.