O Pontevedra aposta polo rosa para a súa segunda equipación
Por Diego Espiño
Granate, rosa e azul, por esta orde, serán as novas equipacións do Pontevedra Club de Fútbol.
A entidade lerezana presentou este mércores as novas camisetas, da marca Joma, que vestirá o Pontevedra as dúas próximas tempadas a través da empresa Vitmark Sport.
Fran Fandiño, Jorge Rodríguez e Pedro García exerceron de modelos das novas equipaciones, coa principal novidade dunha elástica rosa que volverá lucir en Pasarón despois de que o arqueiro Moso a popularizase na tempada 2004-2005, na que os granates xogaron en Segunda División.
Vitmark Sport, que xa viste clubs galegos como o Lalín ou o Estradense, xestionará ademais a tenda oficial do club cun horario de luns a venres de 17:00 a 20:30 e os días de partido dende unha hora antes deste.
As tres camisolas, ademais do resto do material deportivo, estarán dispoñibles para os afeccionados dende a próxima semana cun prezo de 40 euros e un desconto do 20% para os socios que decidan retirar o seu abono antes do inicio da liga.
A presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, recoñeceu que a elección da cor rosa foi unha cuestión persoal, pero mostrouse convencida da súa boa acollida por parte dos seguidores.
No caso dos porteiros as cores escollidas son o amarelo e o morado, mentres a canteira, que tamén vestirá a mesma marca, terá á súa disposición o paquete co material deportivo necesario para a tempada a un prezo de 180 euros.