O IV Triatlón Concello de Poio xuntará o domingo en Campelo a uns 230 deportistas
Por Redacción
O Porto de Campelo acollerá este domingo 20 de xullo o IV Tríatlon Concello de Poio. Nel competirán un total de 230 deportistas nas catro carreiras previstas pola organización. Trátase dunha proba xa asentada no calendario deportivo do municipio e que é clasificatoria para o campeonato galego.
A carreira de Poio disputarase na modalidade de sprint, con 750 metros de natación no mar, con saída dende o Porto de Campelo. A continuación os participantes realizarán 20 quilómetros do segmento de ciclismo nun percorrido moi rápido e con algunha pendente e finalizarán coa carreira a pé de 5 quilómetros, que segundo os organizadores é moi dura, xa que practicamente a metade do circuíto é en subida.
Ás 12:20 horas darase a saída á proba feminina, na que parten como favoritas as triatletas Joselyn Daniela Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), Marina González (Terras de Lugo) ou Iris Soto (Galaico Cidade de Pontevedra). Ademais, en paratriatlon participará a viguesa Susana Rodríguez Gacio (Cidade de Lugo).
Para a proba masculina haberá dúas saídas. Ás 11:00 h comezará a proba B, mentres que ás 12:30 horas será a saída elite masculina. Os favoritos son Brais Canosa (Arcade Inforhouse); Cristóbal Dios (Galaico Cidade de Pontevedra), Brais Misa (Atletismo Porriño) ou Tomás Olavarria (Tri-Penta Terras de Lugo).
Con todo, a competición comezará ás 10:00 horas coa saída da proba popular, na que os participantes terán que facer 300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 1,6 quilómetros de carreira a pé.