O IV Campus Davor Cutura de balonmán reunirá en Marín máis de 100 mozos
Por Redacción
A cuarta edición do Campus Davor Cutura de Balonmán chega a Marín con 15 intensos días de programación.
Un total de 105 alumnos en idade infantil, cadete e xuvenil poderán gozar de diversas actividades relacionadas co balonmán, ademais de aprender aspectos técnicos coas visitas de figuras como o adestrador do Natuhouse La Rioja Jota ou os xogadores Juan Andreu, Iñaqui Malumbres ou Víctor Alonso, que se completan coa participación de xogadores e adestradores galegos.
As instalacións do colexio San Narciso recibirán aos integrantes do campus, que entre os días 5 e 12 de xullo acollerá os adestramentos para a categoría infantil e do 13 ao 20 de xullo para as idades cadete e xuvenil.
Entre as actividades previstas encóntranse o balonmán praia, carreiras de orientación, un curso de primeiros auxilio ou unha visita ao buque Juan Sebastián Elcano.
O xogador internacional serbio que dá nome ao campus, Davor Cutura, acudiu á presentación deste celebrada no Concello de Marín ante responsables locais e da Deputación, que colabora no evento.