A Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, segunda no Trofeo Príncipe de Asturias
Por Oskar Viéitez
O Club de Mar Ría de Aldán Hermanos Galdón proclamouse gañador do Trofeo Príncipe de Asturias de piragüismo que se disputou en Verducido. O segundo lugar foi para a Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra e o terceiro para As Torres Romería Vikinga. Vilaboa e Kayak Tudense ocuparon as seguintes posicións na puntuación.
Na competición participaron 27 clubs e douscentos padexeiros das categorías sénior, xuvenís e cadetes, tanto na modalidade de canoa coma na de kaiak.
O Vilaboa dominou na modalidade de kaiak masculino. As súas dúas embarcacións ocuparon os primeiros lugares. A composta por Antonio Palmás, Brais Sánchez, Diego Castro e Alberto Conde foi a primeira en chegar á meta. A segunda estivo formada por David Blanco, Marco Antonio Cadenas, Mauro Pazos e Rubén Pazos. A terceira posición foi para o Kayak Tudense e cuarta foi a embarcación do Club Naval Pontevedra.
Precisamente o equipo de Tui foi o gañador na categoría feminina. Leticia Piña, Valeria Romero, Andrea Fátima Porteiro e Carla Pérez impuxeron a súa fortaleza ante o Club de Mar Ría de Aldán, que rematou segundo e o Breogán do Grove, que foi terceiro.
E o Breogán foi o que se impuxo na canoa. Diego Romero, Francisco Rodríguez, Tono Campos e Miguel Fernández gañaron con autoridade. O Kayak Tudense, con Daniel Costa, David Costa, David González e Luis Figueira foron os segundos. O Poio Conservas Pescamar clasificouse en terceiro lugar.
CATEGORÍAS INFERIORES
O segundo posto da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra neste trofeo Príncipe de Asturias foi posible grazas aos seus bos resultados nas categorías inferiores. Lograron o segundo posto o K-4 cadete masculino con Alexandre Castro, Iván Villanueva, Luis Estévez e Raúl García; ou a terceira posición do K-4 xuvenil con Alba Lorenzo, Carolina García, Iria Díaz e Noelia Rodríguez.
Pola súa banda, o Club Naval de Pontevedra logrou o primeiro posto en K-4 xuvenil masculino, grazas á magnífica actuación de Alexander Riobó, Iván Benavente, Adrían García e Iago Monteagudo.
As regatas do Príncipe de Asturias disputáronse sobre un percorrido de 6.000 metros, con tres porteos. Os resultados completos pódense consultar na páxina web da Federación Galega de Piragüismo.