ÿxito organizativo e de participación no I Triatlón Rías Baixas
Por Redacción
Sanxenxo gozou este sábado co primeiro Triatlón Rías Baixas, que congregou na localidade pontevedresa a preto de 350 deportistas dende primeira hora da mañá.
O percorrido, con saída e zona de transición ante o Porto Deportivo Juan Carlos I e o paseo de Silgar como zona central da proba, levou os participantes ata a praia da Lanzada.
Os deportistas destacaron a boa organización do evento nunha competición que se desenvolveu sobre distancia olímpica (1,5 quilómetros de natación, 40 de bicicleta e 10 de carreira a pé) coa novidade de que estaba prohibido ir a roda no sector de ciclismo.
Os gañadores desta primeira edición foron en categoría feminina Mar Villar, deportista do Club Triatlón Morrazo, cun tempo de 2:32:49, e en categoría masculina José Manuel Pardo, do Muralla de Lugo, tras parar o crono en 2:05:44.
Completaron o podio en rapazas Marta Barbeito e Paloma Herbello, segunda e terceira respectivamente, e en rapaces Lucas Escaneo e Miguel Figueira.