Gómez Noya arranca as Series Mundiais cun triunfo en Auckland
Por Redacción
Ao igual que en 2013 Javier Gómez Noya iniciou a súa andaina nas Series Mundiais de Tríatlon cun triunfo en Auckland, Nova Zelandia.
O triatleta ferrolano afincado en Pontevedra impúxose ademais de xeito contundente, con 20 segundos de vantaxe co británico Jonathan Brownlee, no que parecía a reedición da Gran Final de Londres do pasado ano, cando Gómez Noya gañou nun apertado e emocionante sprint.
Esta vez o pequeno dos irmáns Brownlee non puido seguir o ritmo do galego e descolgouse a falta dun quilómetro e medio para a meta.
Antes, dende o inicio, ambos os dous mantivéronse no grupo de cabeza, deixando nunha segunda unidade algúns dos favoritos, como o tamén español Mario Mola ou o portugués Joao Silva.
No sector de ciclismo a vantaxe co segundo grupo, de poucos segundos ao inicio dos 40 quilómetros, foise ampliando ata chegar aos dous minutos grazas ao bo entendiento entre Gómez Noya e Brownlee na cabeza.
Os dous favoritos destacáronse pronto no tramo final de carreira a pé, cun man a man que se decantou para o lado de Gómez Noya cun tempo de 1:54:13.
Completou o podio o australiano Aaron Royle, mentres outro dos triatletas con sede de adestramento en Pontevedra, Fernando Alarza, o facía na undécima praza.
A próxima parada das Series Mundiais será Cidade do Cabo o próximo 27 de abril.
Relacionadas:
-
Gómez Noya imponse en Yokohama e suma o seu terceiro triunfo consecutivo nas Series Mundiais
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya afiánzase no liderado das Series Mundiais tras gañar en Cidade do Cabo
Por Redacción |
-
Gómez Noya, máis preto de competir no Mundial de Dúatlon de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya inicia en Auckland a súa defensa do título nas Series Mundiais
Por Diego Espiño |