Os Ingleses-Mareantes, final galega de rugby tras eliminar a Pontevedra RC e Vigo B
Por Diego Espiño
Xa hai final para a Primeira Territorial Galega de Rugby, despois de definirse os cruzamentos de semifinais.
No primeiro deles, o líder intratable da liga regular, Os Ingleses de Vilagarcía, non deu opción a un Pontevedra Rugby Club que plantou cara demostrando a súa progresión ao longo do campionato.
O resultado final (69-15) non embaza o bo labor dos lerezanos, cuartos clasificados e que vían a súa participación no play off como un premio á tempada realizada.
Máis disputada foi a outra semifinal, entre o segundo da liga regular, o Universidade de Vigo B, e o terceiro, un Mareantes de Pontevedra que defende o título logrado contra prognóstico hai un ano.
Entón o equipo lerezano alzouse co campionato gañando os dous partidos a domicilio, e esta vez de novo deu o primeiro paso tras vencer na cidade olívica nun partido tremendamente igualado (25-28).
A final disputarase o próximo sábado 29 de marzo no campo vilagarciano de Fontecarmoa ás 17:00 horas, coa novidade de que o campión poderá pelexar este ano por ascender a División de Honra B nunha fase de ascenso que se presenta especialmente dura.