O Askatuak, último da Adecco Prata, dá a sorpresa e derrota o Xuven (63-70) no Pombal
Por Redacción
Sorpresa no Pombal. O Askatuak, colista da Adecco Prata, asaltou o pavillón de Cambados. Do mesmo xeito que fixo hai un mes en Marín, o equipo vasco volveu saír victorioso da súa viaxe a terras galegas. Fíxoo cun triunfo por 63-70, que lles permite seguir soñando coa salvación. Para o Conservas de Cambados, que como a semana pasada, tivo o triunfo nas súas mans, este resultado complica as súas opcións en liga.
Empezou igualado o choque, pero os locais non tardaron en poñerse as pilas e grazas á súa efectividade nos triplos púxose 16-13 ao final do primeiro cuarto. No segundo, foi todo o contrario e o Askatuak logrou un parcial de 0-8, que lles deu unha interesante renda ao descanso: 23-31. Os nervios volvían aparecer na grada do Pombal.
Na reanudación Oubiña e Alberto Fernández botáronse o equipo ás costas e lograron dar a volta ao electrónico. Xa co marcador alterno e parello, o Conservas de Cambados soubo finalizar o periodo con vantaxe e con mellores sensacións de cara ao último cuarto (48-45).
Pero con empate a 57 e catro minutos por xogarse Askatuak deu un paso á fronte e cun inspirado Javi Pérez logrou un parcial decisivo de 3-10, que situaba o marcador nun claro 60-67. Con só 40 segundos para o final pouco puideron facer os galegos, que encaixaron así a súa segunda derrota consecutiva.
Con este resultado, o Conservas de Cambados mantense na décima praza da clasificación con oito vitorias e doce derrotas.
CONSERVAS DE CAMBADOS (63): Mamadou Diop (3), Orellano, Alberto Rodríguez (16), Norman Rey (5), Oubiña (11) -cinco inicial- Vaquero (7), Juan Mato (2), Rafa Wildner (4), Merino (15), Patiño.
ASKATUAK (70): El Hadji (11), Javier Pérez (9), Bitinas (9), Nacho (3), Miller (10) -cinco inicial- Aritz Martínez (13), Hevia (8), Iker Andia, Grimes (5), Urko Fernández (2).
Árbitros: Pazos Pazos e Martín Vázquez. Sen eliminados.
Parciais: 16-13, 7-18, 25-14, 15-25.
Incidencias: Partido disputado no Pavillón municipal do Pombal.