O Xuven logra a permanencia na Adecco Plata a pesar de perder (63-52) en Guadalaxara
Por Redacción
Agridoce sensación coa que regresa o Conservas Cambados da súa viaxe a terras manchegas. En ningún momento foron rival para o CEBA Guadalajara, que derrotou aos galegos por 63-52. Este resultado afasta aos cambadeses do último posto que dá dereito a xogar a fase de ascenso. Pero ao perder o Askatuak na súa casa, os homes de Yago Casal lograron o seu obxectivo principal, a permanencia na categoría de bronce.
O partido caracterizouse, polo menos nos primeiros minutos, por unha máxima igualdade entre os dous equipos sobre a cancha. A puntería dos alcarreños, especialmente na liña de tres puntos, era neutralizada pola boa concentración do Xuven. Aínda así o gran estado de forma de Lázaro e Durán (10 triplos entre ambos) permitiron ao Guadalajara irse ao descanso seis puntos arriba, 30-24.
Nada máis empezar o terceiro cuarto, o equipo local abriu brecha. De novo Durán cun triplo elevaba a vantaxe do Guadalajara a nove puntos. O Xuven reaccionou con Rey e Oubiña tirando do carro e logrando poñer nalgún aperto ao seu rival. Malia iso pecharon o terceiro cuarto aínda cunha boa vantaxe: 43-36.
No cuarto final Vaquero uniuse ao ataque galego e coa axuda de Oubiña, Cambados púxose a 3 a menos de tres minutos para o final, 50-47. Pero o adestrador do Guadalajara parou o partido e tralo tempo morto Durán e Lázaro, mataron o partido cun parcial de 8-0, que sentenciou o choque a falta duns dous minutos.
Con esta derrota, a terceira consecutiva, o Conservas de Cambados segue undécimo con oito vitorias e trece derrotas. Está a un triunfo do Zornotza, que ocupa a última praza de playoff de ascenso, mentres que avantaxa a tres ao Askatuak, que sería o equipo que descendería a Liga EBA, cando a este último tan só lle quedan xa dous partidos por disputar.
CEBA GUADALAJARA (63): Maxi Sole (9), Lázaro (17), Medori, Guillén (4), Álvaro Martín (10) -cinco inicial- Durán (17), Vidal (2), Kouril (2), Javier González (2), Nweke.
CONSERVAS DE CAMBADOS (52): Orellano, Alberto Rodríguez (6), Norman Rey (18), Merino (4), Oubiña (10) -cinco inicial- Mamadou Diop (3), Vaquero (5), Juan Mato (2), Rafa Wildner (4).
Árbitros: Torres Sánchez e González Morán. Eliminaron por faltas persoais a Javier González polo equipo local.
Parciais: 20-15, 10-9, 13-12, 20-16.
Incidencias: Partido disputado no Polideportivo San José de Guadalaxara.