A mellor canteira galega de taekwondo cítase este sábado en Caldas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Máis de 700 deportistas participarán este sábado 22 de xuño no I Campionato Galego Escolar de Taekwondo que se celebrará en Caldas de Reis.
Durante toda a xornada o Pavilón municipal da vila acollerá as competicións da mellor canteira galega deste deporte, dende 9 a 14 anos, nas disciplinas de exhibición e combate.
O evento foi presentado este venres no Salón de Plenos da Casa Consistorial caldense polo tenente de alcalde e responsable da área de Deportes, Manuel Fariña, xunto ás integrantes do club 'Número Phy' Lúa Piñeiro e Fernando Rascado, ademais de representantes da Federación Galega de Taekwondo.
O responsable municipal destacou que acoller este campionato "fainos especial ilusión" xa que achegará á vila "a milleiros de persoas" e servirá para facer unha homenaxe á deportista local Lúa Piñeiro.
A competición "converterá á vila de Caldas no centro do deporte e o Taekwondo galego" e será un "fervedoiro de xente", xa que prevén que se despracen como acompañantes outras 2.000 ou 3.000 persoas a maiores que ao longo do día suporán un aliciente para a actividade económica local.
"As rúas e prazas estarán ateigadas grazas a este manancial de deportistas e persoas espectadoras que virán a ver este campionato", insistiu Fariña, quen destacou que dende o goberno local "estase a impulsar Caldas como destino deportivo" ao acoller durante o ano numerosas probas que tiveron "grandes éxitos de participación".
O edil tamén destacou que este torneo supón o recoñecemento á traxectoria de Lúa Piñeiro, agora directora do club 'Número Phy' e responsable da organización e dirección do evento.
Neste sentido, Piñeiro explicou que o evento desenvolverase en dúas modalidades: nas primeiras horas da mañá, entre as 9:00 e as 12:00 horas terán lugar as probas de exhibición escolar e tamén de adultos, nunha disciplina nova que "é a máis vistosa e súper proveitosa" con rompementos e acrobacias.
Despois, dende media mañá e pola tarde, terán lugar as competicións de combate nas categorías de infantil, precadete e cadete, unha modalidade na que está especializado o club 'Número Phy'. "Creo que vai ser outra maneira de ver aos rapaces nun rol diferente. Non ten nada que ver co de exhibición, pero tamén é unha experiencia moi bonita", subliñou.
Finalmente, indicou que este campionato base é moi importante para a organización "porque como club novo que somos toda a canteira que temos é moi nova. A xente de Caldas e os rapaces están moi ilusionados e iremos ao campionato con toda a enerxía e as ganas. Agardamos que este sexa o primeiro de moitos campionatos en Caldas".
Relacionadas:
-
Sergio Troitiño pon rumbo ao Europeo coa súa prata na President's Cup, con Arlet Ortiz bronce
Por Diego Espiño |
-
Caldas de Reis propón que abril sexa o seu 'Mes do Deporte'
Por Redacción |
-
Ekaterina Rebón baña en prata o Número Phi no Open de Bélxica de taekwondo
Por Redacción |
-
Grandes resultados para o taekwondo pontevedrés no Campionato de España de clubs
Por Redacción |