A Tripla Coroa Illas Atlánticas propón, tres anos despois, unha travesía a nado entre Ons e Combarro
Por Redacción
Tres anos despois unha travesía a nado unirá este próximo verán a Illa de Ons e Combarro, con 23 quilómetros de distancia.
Trátase da proba final da Tripla Coroa Illas Atlánticas, un reto competitivo que consiste en tres probas de natación de 15, 19 e 23 quilómetros saíndo cada unha delas dunha illa do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
A presente edición arrincou en 2022 entre Cíes e Baiona, mentres que en setembro de 2023 outra ruta uniu Sálvora e Ribeira.
Agora chega a quenda da travesía máis longa, a que unirá o próximo 7 de setembro a praia de Area dos Cans na Illa de Ons e a Praza da Chousa de Combarro, percorrendo toda a ría de Pontevedra e pasando pola praia de Silgar, en Sanxenxo.
Trátase, aseguran os seus organizadores, dunha das probas de natación de ultrafondo máis duras de España pola súa distancia pero tamén polas dificultades que propón nadar na ría polas súas correntes, temperatura ou a ondada.
As inscricións para a cita final da Tripla Coroa Illas Atlánticas abrirán o día 8 de abril para os nadadores que completaron as dúas probas anteriores disputadas en 2022 e 2023, mentres que o martes 16 de abril o proceso abrirase ao resto de participantes ata completar o máximo de 140 prazas dispoñibles. Todo iso a través da páxina www.championchipnorte.com.
Actualmente hai un total de 117 nadadores que completaron as dúas probas disputadas, sendo os líderes da clasificación xeral o canario Aldo Román Gutiérrez Llanos e a asturiana Patricia Agüera Fernández.