O terceiro Trail do Nocedo quece motores con 369 deportistas rexistrados
Por Redacción
A Asociación Veciñal por Beluso (Asbel), coa colaboración do Concello de Bueu, organiza o vindeiro domingo 10 de marzo o III Trail do Nocedo.
A proba foi presentada oficialmente este xoves.
A súa principal actividade será a vertente deportiva cunha carreira de montaña de 27 quilómetros de percorrido e 1.500 metros de desnivel, ademais dunha versión curta bautizada como 'trailiño' con 15 quilómetros e 600 metros de desnivel.
As dúas probas partirán ás 9.00 horas desde o Parque Joe Novas de Beluso, con 117 incritos na carreira longa e 252 na curta.
"O gran auxe da proba que foi medrando ano a ano, chegando neste 2024 ás 369 persoas inscritas", destacou na presentación Marcos Torres, representante da organización, acompañado dos alcaldes de Bueu e Marín, Félix Juncal e María Ramallo, e do xefe do servizo de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides.
Unha xornada deportiva que repite por terceiro ano co obxectivo de unir o deporte coa posta en valor da riqueza natural e patrimonial da comarca.