Jannick Buyla, detido pola Policía Nacional polo presunto intento de compra do Badajoz-Pontevedra
Por Diego Espiño
A investigación xudicial polo presunto caso de intento de compra do partido da pasada tempada entre Badajoz e Pontevedra segue o seu curso, centrando a atención por encima do resto nun dos xogadores que por entón militaba no club estremeño, Jannick Buyla.
Segundo destapa El Confidencial, o xogador hispano-guineano foi detido pola Policía Nacional a pasada semana pola súa suposta implicación no intento de amaño, cumprindo as indicacións da titular do Xulgado de Instrución número 3 de Badaxoz que instrúe o caso.
A Buyla impútaselle un delito de corrupción entre particulares, por mor da denuncia iniciada polo testemuño dos dous xogadores do Pontevedra, David Soto e Pablo Cacharrón, que alertaron de chamadas sospeitosas nas horas previas ao encontro, no que o Badajoz xogaba a permanencia ante un Pontevedra xa descendido.
Tras avisar da situación á Asociación de Futbolistas Españois (AFE) e á cúpula do club, o plantel tomou a decisión de que ambos os dous futbolistas non xogasen o partido como titulares como medida de protección. Despois foi a propia AFE a que trasladou os feitos á Real Federación Española de Fútbol (RFEF), que á súa vez alertou á Policía Nacional.
Todas as miradas centráronse entón nun membro do corpo técnico do Badajoz, que coincidira anos atrás con Cacharrón, e co propio Jannick Buyla, futbolista que cando o caso saíu á luz pública militaba xa noutro equipo, o Logroñés, con quen rescindiu no pasado mercado de inverno atopando acomodo no Linares.
Buyla foi posto en liberdade tras declarar, e de feito este domingo entrou na convocatria do Linares para o partido de liga fronte o Intercity.
Relacionadas:
-
O Logroñés rompe con Jannick Buyla tras ser relacionado co intento de compra do Badajoz-Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Badajoz pronúnciase sobre o suposto intento de compra ao Pontevedra: "Reprobamos as acusacións á nosa institución"
Por Diego Espiño |
-
Un dos sinalados polo intento de compra do Badajoz-Pontevedra deféndese: "Estou convencido da miña inocencia"
Por Diego Espiño |
-
Así manexou o vestiario granate o intento de compra do Badajoz: Reunión no hotel e comunicación ao club e a AFE
Por Diego Espiño |
-
Investigan o intento de compra do Badajoz-Pontevedra en Primeira RFEF
Por Diego Espiño |