Yago Iglesias: "Sen ser dominadores fomos moi eficaces"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
Primeiro dos dous exames superado para o Pontevedra CF, que a pesar de sufrir ante un forte Coruxo, tirou de efectividade para facerse cos tres puntos e manter o liderado da Segunda RFEF.
"Estamos contentos coa vitoria, non tanto co cómputo xeral", confesou Yago Iglesias, que recoñeceu o alto nivel do medio campo dun equipo vigués que "peca de efectividade, pero a nivel xogo e control ten un nivel altísimo".
De feito, "sabiamos que ían tentar quitarnos a pelota, durante o primeiros seis minutos viñeron facerse fortes defensivamente, fanse co gol moi temperán e iso dá renda solta. Somos capaces de remontar, pero eles dan un paso adiante na segunda parte. Poucos equipos van ser capaces de facer o que fixo o Coruxo aquí", asegurou.
A pesar de que o equipo granate non mostrou a súa mellor versión, o adestrador mostrouse satisfeito pola efectividade en canto a gol. Foi "o partido no que maior eficacia tivemos. Sen ser xogadas moi claras e sen ser dominadores fomos moi eficaces".
Os xogadores do cadro vigués, pola súa banda, "chegaban moi fácil ás inmediacións de Edu" e conseguen adiantarse moi pronto. O Pontevedra reponse, e, "unha xornada máis, marca máis de dous goles en casa. Son datos moi interesantes para nós", afirmou.
Neste sentido, quixo destacar o traballo realizado por Charly e Borja, que seguen demostrando o bo nivel no que se atopan e "ábrennos un abanico de posibilidades moi grande".
Agora, os granates teñen que centrarse no encontro da seguinte xornada ante o Zamora. Será outra vez en Pasarón e será un duelo crave dos postos altos da clasificación. É por iso que Yago Iglesias quere facer un chamamento á afección para que veña a ver un "moi bo partido de fútbol. Oxalá desde mañá a afección súbase ao barco e vexamos un Pasarón cheo ou preto do cheo".
Relacionadas:
-
Dalisson e o partido ante o Zamora en Pasarón: "Creo que o factor campo vai axudar moitísimo"
Por Diego Espiño |
-
Marcos Barbeiro e Azael García, de asomar a cabeza no Pontevedra a caer no esquecemento
Por Diego Espiño |
-
Charly rendibiliza os seus minutos con goles
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra das goleadas... e as remontadas
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra tira de efectividade para remontar ante o Coruxo e seguir líder (3-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |