A sorte sorrí o Pontevedra para recuperar o liderado (3-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
O Pontevedra Club de Fútbol volve ser líder do seu grupo. Non foi un triunfo sinxelo e os granates tiveron que sufrir para superar a un Valladolid Promesas ao que, a pesar de que non lle sorriu a sorte, non deixou de pelexar ata o asubío final.
Comezou o partido sen un claro dominador e con respecto entre ambos os equipos, que se alternaban a posesión e non atopaban a maneira de facer dano ao rival, o que se traducía en poucas chegadas a área. Ademais, o mal estado do terreo de prexudicaba tanto a uns como a outros, que se atopaban cun obstáculo máis á hora de conducir o esférico. E así se chegou ao minuto 11 de xogo. Dalisson centrou desde a dereita e Yelko chegou desde atrás, buscou o golpeo de primeiras, pero o seu disparo foise desviado.
A partir de aí foise animando o partido para o Pontevedra. O Valladolid era incapaz de dar máis de catro pases seguidos e perdía moi pronto a posesión, pero aínda así os granates, a pesar de dar a sensación de que empezaban a xerar certo perigo, non conseguían poñer a proba a Castillo.
Pasaban os minutos e estaban a ser merecedores do gol os de Yago Iglesias, que atoparon o premio no minuto 30. Combinación pola esquerda entre Chiqui e Zabaleta, cuxo centro cara a Rufo desviouno Iago Parente á rede.
Por mor do 1-0 chegou o mellor xogo do filial valisoletano, que empezou a buscar un xogo máis directo sobre a portería dun Edu Sousa que aínda non interviñera. De feito, a ocasión máis perigosa do Valladolid foi un centro de Koke que pasou aos centrais e que Arnu rematou alto.
Parecía que a reacción visitante ía chegar, pero foron os granates os que reaxustaron a súa estratexia e volveron dominar, sumando unha chegada tras outra pola banda esquerda.
E ao fío do descanso, despois dunha longa combinación, Chiqui recibiu de Dalisson e aproveitou que os defensores estaban moi afastados para fusilar a portería de Castillo e subir o 2-0 ao marcador.
Despois do paso polos vestiarios chegou a reacción do Valladolid. O Pontevedra, que saíra mal ao céspede, foi castigado na primeira chegada do rival á área. Non se cumpriron os dous primeiros minutos de xogo e Pozo fixo o que quixo. Recibiu dentro da área, controlou, virouse e sen oposición fixo o 2-1.
O vendaval non cesou e o Pontevedra viuse obrigado a traballar en defensa para aguantar o resultado. Con todo, unha mala saída de balón do cadro visitante traduciuse no 3-1. Tito tentou facer un cambio de orientación pero golpeou mal. Rufo, que estaba a presionar, recibiu o balón como un agasallo e definiu a portería baleira.
Conforme avanzaban os minutos o encontro parecía controlado, pero non pechado. Yago Iglesias moveu ficha e deu entrada a Jaichenco e Toño Calvo para contrarrestar a superioridade do rival no medio campo, e a Charly e Borja Domínguez. Foi precisamente este último o que tivo nas súas botas a ocasión para sentenciar no primeiro balón que tocou, pero o seu disparo desde fóra da área foise alto.
Achegábase o final e puido chegar o cuarto gol do Pontevedra, que acumulou catro saques de esquina seguidos pero só un deles foi ocasión clara. Charly xutou entre os tres paus, pero Iago Parente despexou case sobre a liña de gol de novo a córner.
Chegou o enfrontamento no tempo de desconto e produciuse o último movemento no banco granate coa estrea de Azael García, que entrou no terreo de xogo en lugar de Chiqui.
O marcador non se moveu e o duelo concluíu nun definitivo 3-1 que volve alzar ao Pontevedra todo o máis alto da clasificación empatado a puntos co Ourense CF.
PONTEVEDRA CF (3): Edu Sousa, Bastos (Jaichenco, min. 69), Churre, Mario Gómez, Rufo (Charly, min. 76), Yelko (Borja Domínguez, min. 76), Chiqui (Azael, min. 89), Samu Mayo, Garay, Dalisson (Toño Calvo, min. 69) e Zabaleta.
VALLADOLID PROMESAS (1): Castillo, Raúl Chasco, Faimpong (Verde, min. 57), Chuki, Pozo, Tito, Koke, Jesús Martínez (Sergio Esteban, min. 67), Tunde (Dani Fernández, min. 76), Iago Parente e Arnu (Cédric, min. 57).
Goles: 1-0, Iago Parente (en propia), min. 30. 2-0, Chiqui, min 45. 2-1, Pozo, min. 47. 3-1, Rufo, min. 56.
Árbitro: Miguel Villa, auxiliado nas bandas por Javier Mier e Francisco Ballesteros (Asturias). Amoestaron a Churre (23') e Yelko (65') no Pontevedra e a Iago Parente (26') e Faimpong (36') no Valladolid Promesas.
Incidencias: Partido da xornada 19 de liga en Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 2.468 espectadores. Gardouse un minuto de silencio por Tito Estévez.
Relacionadas:
-
Empate en Langreo do Pontevedra e perda de liderado (0-0)
Por Almu Dapena |
-
Toño Calvo: "Mirar a clasificación é un erro, pode que sexa o noso maior rival"
Por Diego Espiño |
-
O ascenso directo, unha pelexa de tres
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias: "O marcador fai xustiza ao que se viu no terreo de xogo"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Valladolid Promesas chega a Pasarón como "un dos mellores visitantes da categoría"
Por Almu Dapena |
-
Ángel Bastos: "Temos ganas de volver a Pasarón, a nosa casa, onde podemos despregar o noso potencial"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Azael García, novo xogador do Pontevedra: "Veño coa mentalidade de xogar en Pasarón coa presión encima. Motívame"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Azael García incorpórase aos adestramentos do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Agónico triunfo do Pontevedra en Torrelavega (1-2)
Por Almu Dapena |
-
Rufo queda sen un dos seus principais rivais polo 'pichichi' da Segunda RFEF
Por Diego Espiño |