O Atlético Torcal furga na ferida do Marín Futsal (2-5)
Por Redacción & Cristina Saiz
A crise do Marín Futsal parece que non ten fin e xa son once as derrotas desta tempada. Este sábado tiña na Raña un duelo de vital importancia contra o Atlético Torcal, pero a falta de precisión nos pases e as perdas defensivas volveron condenarlle.
Púxose o enfrontamento moi pronto de fronte para o conxunto andaluz, que despois de dous sustos en portería de Patri Arruti non perdoou. Corría o minuto dous de xogo roubo en campo propio e combinación en banda esquerda, centro de Eva González ao segundo pau onde apareceu África para subir o 0-1 a portería baleira.
Buscou a reacción o Marín Futsal e tivo a igualada en diferentes momentos, pero a falta de sete minutos para o descanso, en xogada de lousa, as visitantes puxeron máis terra polo medio. Kichi sacou de esquina cara a Cecilia e esta de primeiras fixo o 0-2.
Tras o paso polos vestiarios o castigo aínda foi maior. Non se cumpriron nin os primeiros 20 segundos e África volvía golpear para deixar o encontro practicamente visto para sentenza.
Ás de Ramiro Díaz non lle estaban saíndo as cousas e tiña nas perdas defensivas un problema moi grave que era incapaz de emendar. E é que África Lozano, tras un roubo de balón en campo propio, iniciou un contragolpe en solitario e anotou 0-4.
Co partido xa costa arriba, o Marín Futsal tentou recortar diferenzas, pero na súa enésima perda de balón, Cecilia puxo a 'manita' cando aínda quedaban máis de 11 minutos de enfrontamento.
Parou o tempo o técnico marinense e atacaron de cinco as súas xogadoras, que se estaban salvando dunha goleada maior grazas ás intervencións de Patri Arruti.
E o gol local chegou, por fin, cando restaban nove minutos. Cunha púxoa na área e Café, de primeiras, recortou diferenzas.
Seguiu tentándoo no Marín e a fortuna volveulle a sonreir cun tanto en propia porta de Alejandra que supoñía o 2-5.
Motivou o gol ás locais, pero o Torcal pechouse en defensa e non concedeu máis erros, concluíndo o encontro nun resultado de 2-5 que complica aínda máis as cousas ás de Ramiro Díaz.
Relacionadas:
-
O Marín Futsal roza a sorpresa no Sequelo fronte ao potente Futsi Atlético (3-4)
Por Redacción |
-
O Marín Futsal múdase ao Sequelo para recibir o Futsi Atlético
Por Redacción |
-
Plácida goleada do Marín Futsal ao pechacancelas Leganés (1-7)
Por Redacción |
-
Partidos de enorme valor para Poio Pescamar e Marín Futsal
Por Redacción |
-
Xornada clave para Poio Pescamar e Marín Futsal
Por Redacción |
-
Café salva un empate 'in extremis' para o Marín na casa do Roldán (2-2)
Por Almu Dapena |
-
Gislaine Ribeiro 'Giba', segunda fichaxe de inverno do Marín Futsal
Por Redacción |
-
O Marín Futsal refórzase coa internacional brasileira Gi Portes
Por Redacción |
-
Peche do ano con derrota en Ourense para o Marín Futsal (5-0)
Por Almu Dapena |