A primeira visita do Pontevedra á Cidade das Burgas desde a desaparición do CD Ourense
Por Diego Espiño
A visita á cidade de Ourense é unha das máis repetidas de toda a historia do Pontevedra Club de Fútbol, e con todo a deste sábado 9 de decembro (16.30 horas) será diferente a todas, e é que será a primeira vez que o equipo granate pise a Cidade das Burgas en liga desde a desaparición do Club Deportivo Ourense no ano 2014.
A última visita pontevedresa á capital ourensá produciuse na campaña 2011-2012 en Terceira División. Aquel ano o CD Ourense quedaría campión de grupo subindo a Segunda B, onde gozaría das dúas últimas tempadas da súa historia antes de verse abocado á desaparición.
En total o Pontevedra e o Ourense coincidiran ata entón en 34 tempadas ao longo da súa historia entre Segunda, Segunda B e Terceira División, ademais de cruzarse en dúas ocasións na Copa do Rei.
Agora, máis de 11 anos despois da última visita ao Estadio do Couto, o conxunto da Boa Vila volve afrontar un desprazamento á cidade termal, pero faio ao campo municipal de Oira e ante un rival ao que nunca se mediu.
Será un duelo inédito ademais co liderado en xogo do Grupo I de Segunda RFEF, categoría na que milita por segundo ano na súa historia o Ourense CF, xa que nin coa súa actual denominación nin cando se chamaba Ponte Ourense, desde a súa fundación en 1977, ambas as dúas entidades coincidiron na mesma categoría.
Si chegou a coincidir co filial granate en Preferente, un segundo equipo pontevedrés que tamén se cruzou co outro equipo da cidade, a UD Ourense, fundada en 2014 tras a desaparación do Club Deportivo e inédita por agora ante o primeiro equipo do Pontevedra.
En canto ao actual Ourense CF, tras salvar a pasada campaña a categoría con apuros no play-out pola permanencia, este curso está a protagonizar unha liga sobresaliente como líder de grupo con 30 puntos, grazas a 9 triunfos, 3 empates e só 2 derrotas. unha nacasa contra o Zamora (0-3) e a segunda a pasada xornada no feudo do Coruxo (2-1).
Relacionadas:
-
Empate sen goles e pouco fútbol no derbi entre o Pontevedra e o líder Ourense CF
Por Almu Dapena |
-
A portería de Pasarón, pechada con cadeado
Por Diego Espiño |
-
Que lle pasa ao céspede de Pasarón?
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias, tras vencer o Compostela: "Sen dúbida a expulsión de Pato é clave"
Por Diego Espiño |
-
Triunfo vital do Pontevedra fronte a un Compostela que acabou con nove (3-0)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |