"Pontevedra e América. Unha mirada en feminino" unha mostra para poñer en valor a historia das mulleres da emigración
Por Redacción
"Pontevedra e América. Unha mirada en feminino", é o nome da mostra itinerante da Deputación de Pontevedra e da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela para poñer en valor a historia de trece mulleres cuxo nexo de unión é a emigración e a relación entre Pontevedra e o outro lado do Atlántico.
Esta mostra acaba de ser inaugurada pola deputada de Benestar Social e Igualdade, Sandra Bastos, nos xardíns do Pazo provincial en Pontevedra. Esta iniciativa busca rescatar a experiencia e a mirada da emigración e devolver ás mulleres o lugar e o protagonismo que lles corresponde.
Trala inauguración da mostra, María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana; Mª Xosé Rodríguez Galdo catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, e María Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo, impartiron unha conferencia no salón de Plenos da Deputación na que renderon homenaxe ás 13 mulleres representadas nesta segunda edición da exposición: Bernarda Pereira, Blanca Rodríguez, Margarita Bilbatúa, Sofía Novoa, Concepción Pazo, Chita Lamas, Rosina Villaverde, Antía Cal, Reyna Pastor, Concha Nogueira, Isaura Abelairas, María Xosé Porteiro e Noemí Cendón. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, fixo fincapé en que este proxecto busca percorrer a provincia "levando a voz destas 13 mulleres a aqueles lugares aos que elas non conseguiron chegar".
"Falamos de emigración e falamos de mulleres. Destacamos o seu papel fundamental, tanto das que se foron como das que quedaron aquí coidando ás familias", destacou a responsable de Igualdade da Deputación de Pontevedra ao tempo que lembrou que todas elas "foron quen de poñer en valor moitas cousas e foron relevantes para todo: para o desenvolvemento da economía, da sociedade, da educación, da política, na defensa da lingua, etc.".
En resumo, "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino", trae ao momento actual e pon en valor a historia de "mulleres escurecidas nos arquivos e nos relatos históricos".
Logo seu paso por Pontevedra, onde se poderá visitar nos xardíns do Pazo provincial ata o 21 de decembro, "Pontevedra e América" viaxará cara Vigo antes de continuar o seu percorrido por outros concellos da provincia.
Relacionadas:
-
O Centro Sociocultural de Tenorio recibe á mostra itinerante "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino"
Por Redacción |
-
Premios Sofía Novoa para universitarias polo seu "compromiso coa igualdade e espírito crítico"
Por Redacción |
-
Chega a Pontevedra a mostra itinerante que pon en valor a historia das mulleres da emigración
Por Oskar Viéitez |