O Conservatorio organiza un concerto da súa banda de música para celebrar o Cidade de Pontevedra
Por Redacción
Tras gañar o premio Cidade de Pontevedra na categoría de persoas xurídicas, o Conservatorio de Música Manuel Quiroga quere agradecer esta mostra de agarimo da sociedade pontevedresa. De aí que organizara un concerto extraordinario da súa banda de música que se celebrará este mércores 29 de xaneiro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra. A súa entrada será gratuíta.
Neste concerto estrearáse ademais o repertorio que esta agrupación vai interpretar nos concertos que ten previsto realizar en varias cidades de Holanda. Esta xira europea terá lugar na segunda semana de febreiro e enmárcase dentro das actividades de intercambio que o Conservatorio ven desenvolvendo con outros centros educativos de Europa e que ata o e agora se centraran no ámbito docente.
A expedición estará conformada por 62 alumnos, acompañados por seis docentes, entre eles o director da agrupación, José Pérez, e a vicedirectora do Conservatorio, Iria Portas. Ambos representarán ao centro pontevedrés nos actos institucionais que tamén se teñen previstos con autoridades académicas dos centros holandeses a visitar.
No marco destes intercambios e baixo o paraugas de programas como Leonardo e Comenius, arredor dunha vintena de docentes, realizaron durante períodos de aproximadamente unha semana, estadías en conservatorios e escolas de Letonia, Italia, Portugal e Holanda. O obxectivo era coñecer outros sistemas e modos de ensino no ámbito da formación musical do nivel profesional.
Precisamente froito destes contactos institucionais, así como dos persoais a través de docentes formados no Conservatorio de Tilburg, xa teñen visitado o Conservatorio de Pontevedra mestres deste centro en Holanda. A viaxe da banda de música do conservatorio, supón pois o afondamento destas relacións, e a súa apertura tamén ao ámbito do alumnado, sendo unha experiencia pioneira no ámbito das agrupacións de centros educativos deste nivel.
OUTROS COMPROMISOS
Ademais desta xira por Holanda, o Conservatorio está tamén a preparar a viaxe da Orquestra dos máis novos ao Festival Música-Musika de Bilbao, onde actuarán os días 7 e 8 marzo, atendendo ao convite que se lles fixera directamente xa o ano pasado, primeiro no que acudían a este encontro, naquela ocasión acompañados do Coro do Conservatorio.
Ese mesmo mes de marzo, un grupo de oito alumnos realizarán tamén unha estadía dunha semana en Chipre, acompañados polo profesor Jorge Pérez, como parte dun programa de intercambios xuvenís. Con el búscase ampliar a participación do alumnado nestas oportunidades de coñecer outras culturas europeas.