A ilustradora Belén Diz, Artista Marinense do Ano 2023
Por Redacción
Belén Diz Juncal, nacida en Marín en 1993, será a artista que recibirá a homenaxe na mostra Artista Marinense do Ano, unha exposición comisariada polo pintor Antón Sobral e organizada polo Concello de Marín.
A moza creadora é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e titulada no máster de álbum ilustrado e animación musical.
Caracterízase por utilizar bolígrafos BIC para desenvolver os seus traballos nos que traballa ideas relacionadas coa infancia, o corpo ou o fogar como refuxio. Retrata diferentes rostros empregando luces, sombras, enfoques e desenfoques.
Belén Diz foi seleccionada este verán como a autora para realizar o cartel promocional das Festas do Carme de Marín. O Concello destaca a relevancia que tivo esta obra pola frescura, novidade, orixinalidade e beleza que ofrecía a imaxe.
A exposición será inaugurada o xoves 3 de agosto ás 13.00 horas e poderá visitarse ata o 27 de agosto no Museo Municipal Manuel Torres. Ao finalizar a inauguración, a autora dedicará un espazo de tempo a asinar carteis da Festa do Carme a aquelas persoas que solicitaron unha copia deste traballo.
Ata o momento o premio de Artistas Marinenses do Ano foi para:
Ánxeles Iglesias (2014)
Antón Sobral (2015)
Celeste Garrido (2016)
Miguel Villanueva (2017)
Katsumi Yamaguchi (2018)
Ramón Lorda “Deside” (2019)
Rosa Crespo (2020)
Xaquín Soneira (2022)
Belén Diz Juncal (2023)