Cinco espectáculos conforman a oferta do ciclo teatral universitario Miteu 2023
Por Redacción
A XIV Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) comeza o 29 de maio e ofrecerá cinco funciones ata o 9 de xuño no Teatro Principal mostrando os traballos desenvolvidos ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da Universidade de Vigo, ademais dunha montaxe do alumnado da Universidade do Minho.
Todas as funcións comezarán ás 21.00 horas con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
Este ciclo comezará o luns con 'Incendios', da aula de teatro de Vigo para continuar o mércores 31 con 'O mundo como vontade', do grupo Cordelia do campus de Ourense.
O xoves 1 de xuño está previsto a estrea de 'Intermitencias', a nova montaxe da aula do campus de Pontevedra, que dirixe o actor Salvador do Río. Neste traballo combínanse textos de Clara Gayo, Paula Carballeira, Santiago Cortegoso e Sanchís Sinisterra con achegas persoais do elenco formado por nove intérpretes.
O Miteu continuará o xoves 8 con 'As cidades agochadas', doutra das aulas do campus ourensán, Maricastaña, con dramaturxia de Fernando Dacosta, baseada nun texto de Italo Calvino.
O ciclo finalizará o venres 9 con 'Roleta Mortis', peza baseada no libro 'Crimes Exemplares', de Max Aub, a cargo de estudantes de artes escénicas na Universidade do Minho, baixo a dirección de Ricardo Pinho.