Nee Barros presenta "Nom estamos quebrades", o libro gañador do V Premio María Victoria Moreno
Este luns presentouse Nom estamos quebrades, a obra gañadora do V Premio María Vitoria Moreno. Ao acto asistiu o seu autor, Nee Barros, xunto á concelleira de Cultura, Carme Fouces, que mostrou "moito orgullo" explicando que a persoa premiada comezou a ir ao Salón do Libro desde os seus primeiros anos de vida.
"Xa son cinco anos que levamos premiando a literatura infantíl e xuvenil no marco do Salón do libro", explicaba Fouces. A edil de Cultura definía esta obra como un libro referencial, calificando a Nee Barros como un "autor do século XXI".
Nom estamos quebrades toca temáticas actuais, que sempre estiveron invisibilizadas e que agora comezan a falarse e a normalizarse, explicou a concelleira. "O resto da cidadanía temos que ser o suficientemente humildes para sentarnos a escoitar e aprender", afirmaba Fouces.
A presentación tamén contou coa presenza de Andrea Jamardo, editora de Cuarto de Inverno; Andrea Barreira, xurado da quinta edición do premio; e Begoña Llacer, filla de María Victoria Moreno.
Andrea Jamardo explicou que, nos últimos anos, o Premio María Victoria Moreno se está consolidando xa que "cada ano recibimos máis orixinais, o cal é un indicativo do agarimo que lle ten a xente a esta autora", refiriéndose á escritora de obras como Mar adiante
Doutra banda, a representante do xurado, Andrea Barreira, definiu a obra de Nee Barros como un "libro valente e necesario". Para Andrea, o autor logra plasmar unha mensaxe marabillosa, retratando a amizade á perfección.
Barros quixo falar sobre a súa obra explicando que "eu tento que a miña escrita sexa un acto consciente que tente representar realidades que non vexo representadas noutras ficcións".
Outro dous temas que quixo destacar o seu "autore", tal e como Nee se define, é a importancia de resaltar a referentes anteriores que xa sacaron temas sobre os que reflexionar e profundar, aínda cando non era o habitual, tal e como facía María Vitoria Moreno.
Finalmente, Barros confesou: "Ás veces cústame crer nas cousas que escribo", pero explicou que a boa acollida que está a ter a obra, que xa se atopa dispoñible nas librerías, é algo que o axuda moito.
Nom estamos quebrades, obra en linguaxe non binario e en galego reintegrado, representa a diversidade, a empatía na descrición da amizade e os conflitos e dúbidas que xorden nas relacións sociais.
Neste libro "falo de modelos de relacións que non coñecemos tanto", sinalou Barros, así como de persoas racializadas ou autistas, buscando ademais "normalizar o pronome elu", ou o propio xénero neutro na linguaxe e na literatura.
A historia parte dunha rapza adolescente e universitaria que rompe co seu noivo e a partir de aí, da man do seu mellor amigo, descobre que non tiña tantas certezas como pensaba sobre si mesma e cuestiona toda a súa existencia.
Relacionadas:
-
'Cartas na escuridade' de Lois Pérez obtén o premio María Victoria Moreno
Por Anxo Lourido |
-
RADIO.- Nee Barros, unha das voces da literatura queer galega
Por Marisa Ciordia |
-
Nee Barros gaña o V Premio María Victoria Moreno convocado polo Concello de Pontevedra e Cuarto de Inverno
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |