"3-1=0", do cambadés Juan Galiñanes, premiada como mellor curtametraxe no Festival de Cine de Zaragoza
Por Redacción
3-1=0, do director cambadés Juan Galiñanes, obtivo o premio "Carlos Saura" á mellor curtametraxe nacional no prestixioso Festival de Cine de Zaragoza. A capital aragonesa acolleu a súa decimoctava edición cunha sección oficial na que competían 49 curtas. O premio, outorgado polo xurado, recaeu ex aequo nesta produción e en Democracia, dirixida por Borja Cobeaga.
Case corenta profesionais traballaron nesta curtametraxe, de 25 minutos de duración. 3-1=0 é unha historia desgarradora cunha brillante posta en escena cuxo peso dramático recae nos actores Xosé Barato e Deborah Vukusic. El dá vida a Carlos, un home que quere desfacerse do seu pasado, do mesmo xeito que da casa que algún día foi o seu fogar. E quizais apareza un comprador para a casa, pero descubrirá que os recordos non se venden.
O curto está producido por Olga Osorio e o propio Juan Galiñanes en coproducción con PixelFilms e conta co patrocinio de Filamento e Cinemar e a colaboración da Escola de Imaxe e Son da Coruña, a facultade de Ciencias da Comunicación da mesma cidade, o Concello de Cambados e da diseñadora de interiores Beatriz Gayoso Prieto. A súa distribución foi financiada mediante un crowfunding no que contribuíron máis de 90 persoas.
A premiere oficial de 3-1=0, que acaba de iniciar a súa andadura por festivais, terá lugar na Coruña o próximo 18 de decembro en Cinesa en Marineda City. A curta, integramente rodada na Coruña cun equipo 100% galego, obtivo tamén o terceiro premio no VIII Festival de Cortos Villa de la Orotava e forma parte da selección oficial da Mostra de Curtas de Noia, dentro da cal proxectarase o vindeiro sábado.
O Festival de Cine de Zaragoza é un dos festivais que preseleccionan para os Premios Goya, de modo que este galardón, separadamente do gran éxito que representa en si mesmo, abre tamén a porta a 3-1=0 para optar a competir na edición dos Goya do ano próximo.