Neira Vilas, Champurrada, Skarmento, García MC e DJ Mil, protagonistas do décimo aniversario da Asociación A Revira
Por Redacción
A Asociación cultural pontevedresa A Revira celebra o seu décimo aniversario e por ese motivo organizaron un programa de actividades que comezarán o 6 de decembro cun concerto na Sala Karma coa presenza dos grupos Champurrada, Skarmento e García MC con DJ Mil. Trátase de tres actuacións de estilos diferentes que empregan a lingua galega nas súas composicións. A entrada para o concerto terá un prezo de 7 euros.
O sábado 7, o protagonista será Xosé Neira Vilas que ofrecerá no local da Asociación unha conferencia a partir das 19:30 na que abordará a relación histórica de Galicia co mundo americano, materia na que leva desenvolvendo as súas investigacións dende hai varias décadas. O autor do emblemático Memorias dun neno labrego conta cunha ampla experiencia persoal tras vivir durante máis de trinta anos en Cuba.
Ese mesmo sábado, a agrupación celebrará unha cea de confraternización que comezará ás 22.00 horas.