Cando os perfumes trascenden máis aló dos frascos e pasan a ser pezas de arte
Por Redacción & Mónica Patxot
Ata o próximo 12 de xuño poderemos visitar no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a mostra A presenza invisible. Perfumes Art Nouveau & Art Deco, composta por máis de duascentas pezas propiedade do coleccionista portugués Afonso Oliveira.
A exposición, composta por botellas, caixas e estoxos de perfumes, xabóns e pos, así como carteis publicitarios e diversas publicacións, foi inaugurada este xoves.
Experto en perfumes de luxo e vicepresidente da Asociación Internacional de Frascos de Perfume, Oliveira conta no seu haber cunhas 4.200 pezas nunha das máis importantes coleccións do mundo, que comezou en 2008.
"Coleccionar frascos non é unha cousa de moda, pero é preservar o patrimonio da humanidade, porque o frasco se debe ver como unha xoia e unha peza de arte", explicou o tamén comisario da exposición na súa presentación.
O director do Museo, José Manuel Rey, destacou que as persoas autoras dos frascos de perfume que se expoñen en Pontevedra foron artistas, deseñadores e recoñecidos vidreiros na que se coñece como a época dourada da perfumería.
Foi co nacemento en Francia de grandes casas de perfumes e na que se abandonaron presentacións máis propias dos produtos farmacéuticos para incorporar deseños influenciados por correntes artísticas de vangarda.
"Entendeuse xa naquel momento que a presentación do perfume era tan importante como a fragancia en si, unha máxima que, como sabedes, mantense na actualidade", asegurou.
Así, avanzou que na mostra o público poderá ver "como as botellas transcenden da súa mera función como contedoras para converterse en esculturas" realizadas en vidro, cristal de Bohemia, Francia ou Chequia; porcelana de Sèvres e Noritake; ou opalina.
EXPOSICIÓN DIVIDIDA EN CINCO APARTADOS
Esta nova exposición do Museo de Pontevedra está dividida en cinco apartados diferentes, o primeiro dedicado o Art Nouveau (1890-1910), un estilo caracterizado polo emprego de liñas e formas alongadas e trazos ondulantes e asimétricos inspirados na natureza.
Ese estilo determinará o deseño dos frascos de perfume, con artistas como René Lalique, Baccarat, Julien Viard ou Émile Gallé dándolle forma en vidro á nova estética, creando pezas que son verdadeiras iconas de arte.
Existe tamén na exposición un espazo específico para os frascos de vidro checo; ou sobre Coty e Lalique, dous vidreiros-xoieiros que avanzaron no mundo da perfumería para o gran público.
A sección de grandes deseñadores e vidreiros para grandes marcas, con explicacións sobre Baccarat e Julien Viard; e unha última parte sobre o Art Déco 1925 completan a mostra.
Os visitantes, ademais de contemplar os frascos de perfume, tamén poderán gozar da sala de exposicións perfumada coa fragancia Alma da Comporta, creada por Pierre Boissou, de familia olfativa cítrica-aromática-amadeirada, con notas de mandarina, laranxa, lavanda, tomiño, cedro, piñeiro e auga de arroz.