Dennise Vaccarello expón o seu traballo "Ídem de ídem" na Fundación RAC
Por Redacción
"Ídem de ídem: metaficción de la investigación artística en el ecosistema insular" é o título da tese que a artista e investigadora Dennise Vaccarello levou a cabo no programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea e que nas próximas semanas defenderá na Facultade de Belas Artes.
Un conxunto de pezas resultado deste proceso investigador, sustentado nesa "idea de insularidade", reúnense na exposición, titulada tamén "Ídem de ídem", que ao longo desta semana pode visitarse na Fundación RAC.
Unha copia impresa da súa propia investigación, dirixida pola profesora Anne Heyvaert, forma parte nese senso dos materiais reunidos nesta mostra, na que tamén se presentan, como explica o seu texto de presentación, "as aproximacións artísticas as ideas e o deseño da investigación", xunto coa "instalación da illa, titulada Ídem".
Así mesmo, tamén forman parte da exposición unha selección de material pertencente "ao percorrido da investigación", como os propios libros consultados por Vaccarello ao longo do proceso, os mapas que realizou ou libretas de bocexos. Deste xeito, a artista e investigadora buscaba que "a exposición tamén participe da idea de metaficción da investigación artística, presente en todo o proxecto".
Nese senso, Vaccarello busca con esta mostra, segundo recolle o seu texto de presentación, "crear un percorrido no espazo" co que narrar a súa propia "viaxe" investigadora, desde "a conceptualización ata a recreación" do que denomina "investigación-illa".
Con esa idea, de feito, ademais de mostrar os resultados do proceso investigador, a exposición propón tamén "crear unha posta en escena do ecosistema da investigación artística, permitindo deste xeito que o espectador participe" desa "idea de insularidade", prestando "especial atención á atmosfera expositiva, a través da luz, o olor e o son".
"Ídem de ídem" pode visitarse, en horario de 19.00 a 21.00 horas, ata este venres 11 de marzo, xornada na que terá lugar o acto de clausura coa participación da artista.
Relacionadas:
-
Juan Fernando de Laiglesia, primeiro decano de Belas Artes, expón na sala Nemonon
Por Redacción |
-
O Ateneo Santa Cecilia presenta a exposición colectiva "Encuentros"
Por Redacción |
-
‘As Nosas Mulleres’, a exposición que homenaxea as veciñas de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Estudio Matrioska presenta unha exposición de Alba Troiteiro
Por Redacción |
-
Ramiro Agulla 'instala' as súas esculturas na Sala Amalia Domínguez
Por Redacción |
-
Itinerarios no Museo para que as 17 autoras da súa colección de arte sexan "artistas visibles"
Por Redacción |