A Prehistoria en Galicia, a análise no XII Memorial Filgueira Valverde
Por Redacción
Eduardo Quintas, arqueólogo do Instituto de Estudos Miñoranos, foi o encargado de inaugurar no Sexto edificio do Museo de Pontevedra a décimo segunda edición do Memorial Filgueira Valverde, un ciclo de conferencias organizado pola Universidade de Vigo en colaboración co Museo, que este ano dedícanse a analizar as novas achegas ao coñecemento da Prehistoria en Galicia.
As conferencias xiran ao redor dos xacementos arqueolóxicos do Cabrón (Arbo), Porto Maior (As Neves) e a Cova de Eirós (Triacastela). Con respecto ao primeiro, Eduardo Quintas, xefe de dita escavación, recoñeceu que os expertos amosáronse sorprendidos da cantidade de ferramentas líticas que apareceron nesta zona tal e como as deixaron os seus antigos habitantes.
A partires desta data, este xacemento situado nunha terraza fluvial do río Miño consolidouse como "a maior fonte de información sobre o Paleolítico inferior galego, o período da prehistoria máis antigo e menos estudado do país", explicou. As pezas do Cabrón terían entre 200.000 e 500.000 anos "o que situaría esta etapa en Galicia no mesmo arco temporal que o resto da Península Ibérica".
Grazas a este descubrimento, dixo, "desbotouse definitivamente a crenza de que o atraso secular do país xa se daba na Prehistoria", asegurou o arqueólogo. Preto do xacemento do Cabrón atópase o de Porto Maior, un lugar no que os arqueólogos do Instituto de Estudos Miñoraos atoparon numerosas machadas de gran tamaño moi similares ás que apareceron no continente africano.
Uns achados que dan boa mostra da presenza dos antepasados do home na etapa do Paleolítico nesta zona ao igual que aconteceu no concello de Arbo, tal e como subliñou Eduardo Méndez no primeiro dos tres relatorios que se inclúen nesta edición do Memorial e que afondarán na Prehistoria de Galicia.
Ramón Fábregas, da Universidade de Santiago, impartirá un relatorio este mércores baixo o título A Cova de Eirós: os primeiros artistas de Galicia. Fernando Carrera Ramírez, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, pechará este XII Memorial Filgueira Valverde o xoves cunha conferencia sobre A arte neolítica. Expresións en espazos funerarios.