Vilagarcía, set de rodaxe ao estilo 'The Walking Dead'
Por Redacción
O colectivo Videos Creativos e a Concellería de Cultura de Vilagarcía colaboran para animar a tarde deste sábado cunha actividade na que a localidade se transformará nun set de rodaxe típico de Hollywood. Unha marea de zombis invadirá as rúas, haberá loitas e persecucións a cargo de especialistas de dobraxe en escenas de acción, trucos e efectos especiais e a rodaxe dun pequeno vídeo.
Segundo informou o Concello, asistirán especialistas de cine a cargo de Consultoría Técnica Policial e o equipo de Hombres de Paco, así como o dobre do personaxe Rick (da serie The Walking Dead). A actividade é gratuíta e aberta a todo o público que pode participar de xeito activo indo disfrazado de zombi.
Na recreación deste set cinematográfico hollywoodiense intervirán Eloy Puga, Adrián Caeiro e algúns dobres de cine que realizarán trucos de efectos especiais. Recrearanse escenas dalgunhas películas e series de moda, realizando un micro rodaxe onde se revivirán escenas de zombis, combates corpo a corpo de policías e despregues dende o aire (rappel). Para unha ambientación realista haberá un obradoiro de maquillaxe de zombis a cargo de Adrián Caeiro e Bibiana Álvarez.
Pola limitación de tempo e dificultade dos traballos, só poderán caracterizarse 20 persoas, as demais deberán ir maquilladas da casa. Para participar na rodaxe non hai límite de persoas.
Os organizadores recomendan ás persoas que acudan disfrazadas da casa que se caractericen como zombis rurais e armados con ferramentas simuladas de motoserras, hachas, fouces e outros vestidos como enfermeiras, mozas con sables ou mozos con ballestas para imitar as personaxes da serie televisiva.
Esta peculiar recreación de Hollywood terá lugar na explanada do Auditorio. O programa comezará ás 15.00 horas deste sábado e desenvolverase ata as 20.00 horas. A actividade realízase aproveitando o marco que ofrece a celebración de Halloween e, aparte de animar un pouco a tarde do sábado, Videos Creativos pretende con esta sesión agradecer a súa colaboración a todas as persoas que acudiron ao cásting para a curtametraxe Cuando la curiosidad te mata e que non foron seleccionadas para participar na rodaxe.
Con esta actividade daráselles a oportunidade, tanto a eles, como á todas aquelas persoas que o desexen, de participar como actores na rodaxe dun video de zombis e acción. A lista dos elixidos para protagonizar a curta xa se pode consultar a través da web e no facebook.
O programa da actividade do sábado é o seguinte:
15.00 horas - Auditorio de Vilagarcía (set de maquillaxe)
17.00 horas - Práctica e ensaio das escenas.
18.00 horas - Práctica das incursións policiais e rappel en parede.
18.30 horas - Práctica de loita corpo a corpo entre as personaxes de The Walking Dead, "o alcalde" e "Daryl Dixon" a cargo dos dobres de cine.
19.00 horas - Rodaxe da curtametraxe a cargo de Videoscreativos e Eloy Puga.
O evento pode consultarse en Facebook ou na web de Videos Creativos. En caso de chuvia a actividade trasladaríase ao sábado seguinte.