Alfredo Sánchez Seara ponse este sábado 20 de novembro á fronte da Banda de Música de Salcedo. Unha responsabilidade que non é a primeira vez que asume e que exercerá de momento ata concluír decembro, cando ofrecerán outro evento do Nadal. A de músico é unha profesión que se sucede na familia de Alfredo, de feito o seu pai xa foi tamén director desta Banda de Salcedo.
"Vai ser un concerto especial porque van volver a xuntarse todos. No caso da Coral, que son pais de moitos músicos da Banda, viñéronse un pouco abaixo con isto da pandemia e o feito de que reaparezan faime moita ilusión", explica no Cara a cara. Tamén fai mención ao Coro Infantil, de nova creación, que se presenta oficialmente ante o público da cidade. A eles súmase a Banda Xuvenil que tocarán coa de máis idade.
Lémbranos no podcast de PontevedraViva Radio as vicisitudes superadas naAsociación Músico Cultural San Martiño para manter a formación musical e os ensaios desde o comezo da pandemia e que ata fai un par de meses estiveron condicionados: "xa volvemos e agora toca volver tirar cara a adiante".
Na charla que mantemos con este bombardinista facemos oco á reflexión que estes días fixo pública outro músico profesional pontevedrés nas súas redes sociais. Pablo Paz López, expuña varias consideracións en relación a "como facer dos Conservatorios Profesionais de Música espazos atractivos para os mozos".
O concerto previsto no Teatro Principal de Pontevedra comezará ás 20.00 horas e ofrecerá ao público un variado repertorio que Alfredo Sánchez preparou para mostrar que todos os xéneros músicales poden resultar atractivos para quen escoita e para quen interpreta. Mención a este respecto para unha das pezas previstas, composta por un dos integrantes da Banda de Salcedo, o pasodobre 'Dous de outubro' de Carlos Rodríguez.