Juan Echanove trae 'La fiesta del Chivo' ao auditorio de Afundación
Por Oskar Viéitez
Afundación comeza a súa tempada de teatro de novembro a decembro no auditorio de Pontevedra, este xoves 11 de novembro, ás 20.30 horas, coa adaptación dramática da aplaudida novela de Mario Vargas Llosa 'La fiesta del Chivo', baixo a dirección de Carlos Saura.
Con Juan Echanove na pel do ditador Trujillo, a peza narra os últimos días do tirano da República Dominicana. O autor válese para iso do personaxe de Urania Cabral, unha exitosa avogada que abandonou o país de forma misteriosa sendo unha nena. Tres décadas despois, regresa para visitar ao seu pai moribundo, o senador Agustín Cerebrito Cabral, un antigo alto cargo do réxime que caeu en desgraza. Durante esa viaxe, desvelarase o segredo que a protagonista gardou celosamente desde a súa fuxida.
Trujillo gobernou o país durante máis de 30 anos cunha crueldade e megalomanía nunca antes vistas, pero tamén cunha intelixencia que o facía desfacerse de todos os seus inimigos para manterse no poder. Desde este punto de vista é un trasunto do Ricardo III shakespeariano. Trujillo logrou impoñer un réxime de terror en todo o país.
O medo é o elemento fundamental desta adaptación teatral, un medo que leva a todos os personaxes a degradarse como seres humanos ata niveis insoportables. E todo iso nun estilo ameno e directo que se mantén fiel á riquísima linguaxe que caracteriza a obra de Vargas Llosa.
OBRAS DA TEMPADA DE TEATRO PONTEVEDRA 2021
O xoves 18 de novembro ás 20.30 horas Chévere e o Centro Dramático Nacional presenta unha recreación a partir de retallos documentais dunha memoria colectiva co desastre ecolóxico do Prestige como pano de fondo. Baixo a dirección de Xron, a obra conta con Miguel de Lira, Manuel Cortés ou Patricia de Lorenzo, entre outros, entre o seu elenco.
O 18 de decembro ás 20.30 horas, Gabino Diego e Carmen Barrantes presentarán a nova obra dirixida e adaptada por Magüi Mira, 'Los mojigatos'. As novas realidades sociais, os novos tabús ou o esvaecemento de certas liñas vermellas nunha relación son algúns dos temas que se tratan esta peza na que unha parella intenta atopar unha solución á falta de sexo na súa vida.
Relacionadas:
-
Juan Echanove, Carlos Saura e Vargas Llosa desvelan os últimos días do ditador Trujillo
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Cécile McLorin deslumbra o público pontevedrés coa súa prodixiosa voz
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Gabino Diego, Miguel de Lira ou Juan Echanove, na tempada de teatro de Afundación en Pontevedra
Por Redacción |