'Origami, de papel a obra de arte' expón pezas de creadores de referencia internacional
Por Mónica Patxot & María José Pita
O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra inauguraba este xoves 4 de novembro a mostra 'Origami, de papel a obra de arte', unha exposición que trae a Pontevedra pezas únicas procedentes da Escola Museo Origami Zaragoza (EMOZ), impulsada polo Grupo Zaragozano de Papiroflexia, o colectivo máis antigo do mundo dedicado á arte do pregado en papel.
Na sala de exposición poderán contemplarse 150 modelos creados por 50 autores de 17 países diferentes.
O director do EMOZ, Jorge Pardo, asistía a esta inauguración en compañía do comisario da mostra, Felipe Moreno, e resaltaba que esta exposición é "la más importante de las hechas fuera de Zaragoza", onde contan cun depósito de 5.000 obras orixinais, xa que realiza un percorrido exhaustivo pola historia de todas as técnicas.
Dáse a particularidade de que as persoas que se acheguen a visitala desfrutarán dunhas obras que tras o seu paso por Pontevedra estarán gardadas durante un ano para garantir a súa conservación, xa que en cada exposición o papel vese afectado pola luz e polas diferentes condicións de humidade.
Pola súa banda, o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, referíase ás pezas expostas como "auténticas esculturas cheas de expresividade" e destacaba a presenza de creacións de artistas de primeira liña internacional.
Unha característica peculiar das obras que estarán ata o 23 de xaneiro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, con entrada pola rúa Cobián Roffignac, é que se trata de papel pregado, sen cortes nin pegamento.
Como curiosidade, o comisario da mostra sinalaba que o termo "papiroflexia" utilízase case en exclusiva en España, no resto do mundo úsase a palabra xaponesa "origami". Mesmo en países de Latinoamérica, onde comparten o idioma español, a denominación predominante é "origami", rara vez refírense á arte do encartado en papel como "papiroflexia".
A orixe etimolóxica do termo e unha infinidade de datos de interese recóllense nos paneis ilustrativos que acompañan á exposición.
ESTRUTURA DA MOSTRA
O visitante que acceda á sala de exposicións atoparase cunha zona inicial, cunha ‘Introdución’ á significado da arte do encartado en papel e unha mostra do 'Origami elemental', con modelos da papiroflexia tradicional realizados con recursos mínimos e pliegues fixos.
Unha terceira zona está dedicada ao 'Origami esencial', un estilo que naceu a mediados do século XX a partir da obra do xaponés Akira Yoshizawa, considerado o pai desta arte e cuxas creacións, aínda que poidan parecer simples, constituíron no seu momento toda unha revolución.
O cuarto apartado, de 'Origami orgánico', é o que permitirá ver modelos que seguen os patróns da bioloxía e tamén da xeoloxía.
Unha quinta sección é a do 'Origami hiperrealista', onde se busca o máximo realismo con creacións, nas súas formas e a súa expresión, e que producen un gran impacto no espectador. Neste apartado, unha referencia mundial é o leonés Manuel Sirgo, un profesor de ciencias naturais cuxos insectos en papel exhíbense nesta mostra.
No espazo do 'Origami escultórico' veranse pezas nas que o papel se expresa volumetricamente grazas a un coñecemento preciso das súas características e das súas propiedades. Dentro das pezas expostas, os organizadores destacaban a composición "Orquestra de músicos" do francés Eric Joisel, o maior expoñente internacional neste campo, quen crea pezas únicas e cargadas de expresión e detalles.
No 'Origami xeométrico' hai pezas modulares obtidas mediante procedementos de pliegues fixos que, repetidos e convenientemente ensamblados, non pegados, forman un todo.
O apartado do 'Origami teselado' mostrará creacións nas que unha estudada, precisa e laboriosa serie de pliegues, a modo de teselas, como son coñecidas as pequenas pezas que compoñen os mosaicos, lógrase chegar ata unha estrutura tridimensional.
OBRADOIROS DE PAPIROFLEXIA
Como complemento á exposición, o Museo programou obradoiros de papiroflexia para público de 5 a 90 anos os días 6 e 20 de novembro, e o 11, 28, 29 e 30 de decembro. O director do Museo comentaba que en apenas dúas horas, desde que se abriron as inscricións, completáronse todas as prazas.
Dado que hai unha longa lista de espera, desde a institución está a estudarse a posibilidade de abrir novos grupos e horarios, que en breve se anunciarán.
Relacionadas:
-
Doce mil persoas converten a exposición "Origami, de papel a obra de arte" na máis vista do Museo en 2021
Por Redacción |
-
Visitas guiadas pola exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’, a partir do 8 de xaneiro
Por Redacción |
-
A avalancha de peticións fai que o Museo duplique o número de talleres de papiroflexia
Por Redacción |
-
Un percorrido polas modalidades do pregado do papel no Museo con 'Origami, de papel a obra de arte'
Por Redacción |
-
A asociación de papiroflexia máis antiga do mundo expón pezas únicas en Afundación
Por María José Pita |