António Zambujo, talento para conmemorar o Día de Galiza Mártir
Por Mónica Patxot & Redacción
Numeroso público, atendendo as medidas dos protocolos sanitarios, asistía durante a noite deste martes 17 á actuación do músico António Zambujo que se celebraba na praza da Ferrería con motivo da conmemoración do Día de Galiza Mártir.
Este concerto gratuíto permitiu comprobar o talento deste artista portugués, actualmente considerado por crítica e público un dos mellores intérpretes da música lusa. Os seus temas recollen influencias do cancioneiro brasileiro, principalmente da Bossa Nova, e tamén do fado e do cante alentejano.
O seu álbum 'Até pensei que fosse minha', do ano 2016, foi candidato ao Grammy Latino como mellor disco de Música Popular Brasileira. Na súa actuación presentou temas do seu noveno traballo discográfico 'António Zambujo Voz e Violão”, título que se inspira no disco de Joâo Gilberto, 'Joâo Voz e Violâo', que inspirou o traballo do artista nacido en Beja e que estudou clarinete desde moi novo. Artistas da categoría de Caetano Veloso comparan a Zambujo co propio Joâo Gilberto.
A súa actuación en Pontevedra, organizada polo Concello, foi un canto de lembranza á memoria das persoas que deron a súa vida por defender o país e a súa democracia
Entre o público asistente ao seu recital na Ferrería atopábase a cantante galega Uxía, que nas Festas da Peregrina actuaba, como artista convidada, con Juan Perro no concerto ofrecido no escenario da Praza de España.
Relacionadas:
-
O BNG apela ao legado de Bóveda e presenta un novo modelo de financiamento "que non discrimine a Galiza"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Un día para a memoria histórica como "antídoto contra a cultura do silencio e contra a educación do non preguntar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
António Zambujo ofrecerá un concerto o 17 de agosto con motivo do Día de Galiza Mártir
Por Redacción |
-
Presentan os actos do Día da Galiza Mártir
Por Redacción |