Luis Zahera sube ao escenario do Festival do Humor de Vilagarcía co espectáculo 'Monologoterapia'
Por Redacción
O Festival do Humor de Vilagarcía entra este venres na súa segunda etapa coa actuación dun dos actores e humoristas galegos máis populares debido ás súas numerosas interpretacións en series televisivas e no cine, ademais de participar en moitos programas da televisión autonómica. Trátase de Luis Zahera, o entrañable Petróleo da serie da TVG Mareas Vivas, que o venres fará rir ao público co seu último espectáculo titulado Monologoterapia.
Luis Zahera é sen lugar a dúbidas, un dos actores galegos máis consagrados con interpretacións espléndidas que xa forman parte do imaxinario común de cine en televisión con papeis como o drogadito da película Celda 211 ou como o entrañable mariñeiro Petróleo da serie Mareas Vivas.
En Monologoterapia, Luis Zahera preséntase a si mesmo para compartir co público as súas experiencias vitais, tanto dende o ámbito persoal, como dende o profesional, contando de xeito divertido e irónico, as anécdotas ou situacións polas que pasou nos seus 47 anos de vida.
Dende as súas intervencións en Luar facendo sketchs, ata a súa chegada a Madrid onde desembarca como un galego na capital, e mesmo a súa aparición na serie Sin tetas no hay paraíso, Pero tamén relata outras situacións da vida cotiá, como as relacións coas súas irmás, os seus ligues ou mesmo as propias impresións que ten sobre el mesmo, que se resumen en que estase a dar conta de que ten "cara de chungo".
Monologoterapia porase en escena o venres, 18 de outubro, no Auditorio a partir das 21.00 horas. As entradas custan 7 euros e pódense adquirir anticipadamente en www.servinova.com e na billeteira telefónica 902 504 500. O día da función tamén se poden comprar no Auditorio de 19.00 a 21.00 horas.