‘Acústica na Parda’ e o ‘Cine e Estrelas’, novas citas de lecer na cidade
Por Redacción
Durante os próximos días, dúas citas máis de cultura e lecer chegan a escenarios da cidade dentro da programación 'O Son do Verán' que promove o Concello de Pontevedra.
'Acústica na Parda' ofrecerá tres sesións, con tres concertos diferentes en cada xornada, na contorna da Parda. As sesións comezarán ás 20.00 horas e prolongaranse ata a medianoite con músicos da cidade ou das proximidades.
Este venres 30, abrirá este ciclo O Rabelo, un artista que toma o rap como base e que utiliza tamén unha expresión tradicional como as regueifas para trasladar mensaxes anarquistas, antifascistas e transfeministas.
A continuación actuará Queco Lago, a partir das 21.30 horas. Este músico ofrece tanto temas propios como adaptacións de temas popularmente moi reconocibles.
A partir das 22.45 horas subirá ao escenario Jacobo Sainz, ex integrante de Vortex, que agora percorre estilos con influencias do blues e mesmo do pop.
O sábado 31 chegarán as actuacións da cantautora Palito, o melancólico Corbi e o electrónico Miríada. Este ciclo conclúe cos recitais do domingo 1 de agosto a cargo de Nee Barros, Pitt Muffin e Joao Tomba.
As actuacións son ao aire libre mantendo os protocolos sanitarios.
CINEMA
Coa chegada de agosto tamén o cinema ao aire libre aterra na Praza da Pedreira, entre o 2 e o 6 de agosto. As sesións adiántanse ás 22.30 horas respecto a outros anos para evitar reunións entre non conviventes a partir de únaa da madrugada, tal e como establece a normativa sanitaria actual.
Todas as películas proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en castelán, agás no caso da película galega 'O que arde', que se proxecta tal e como se rodou en lingua galega.
As sesións son as seguintes:
Luns 2: 'Eu, Tonya'
Martes 3: 'Tres anuncios nos arredores'
Mércores 4: 'O que arde'
Xoves 5: 'Parasitos'
Venres 6: 'A noite do cazador'
A entrada para ambos os ciclos é libre ata completar a capacidade permitida.