A Sociedade Filarmónica de Pontevedra cancela o concerto previsto para o día 9 pola covid-19
Por Redacción
A segunda onda da covid-19 e as actuais circunstancias sanitarias obrigaron á xunta directiva da Sociedade Filarmónica de Pontevedra a suspender o concerto que tiña previsto ofrecer aos seus socios o 9 de decembro no Teatro Principal.
As restricións de aforo, limitado a un máximo de 30 persoas, foi un factor diferencial á hora de tomar esta decisión. O concerto ía estar a cargo do tenor Manuel Gómez acompañado polo pianista Antonio Galera. Ambos ían interpretar obras Beethoven, Schumann e Schubert.
O compromiso de ambas as partes é reprogramar o concerto para decembro do próximo ano. Con todo, a directiva desta formación musical mantén os concertos previstos para os primeiros meses do 2021, entre os que destaca o que ofrecerá a Orquestra Sinfónica de Galicia no mes de marzo e que servirá para conmemorar o centenario da fundación da Sociedade.