Primeiro día de curso en Ciencias Sociais con máscaras e unha exposición coa creatividade do alumnado
Por Redacción
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra iniciaba este luns 21 o curso lectivo e a planta baixa do edificio recibía aos alumnos coa exposición 'Desde dentro. Miradas do confinamento'. Unha mostra que compendia dous dos traballos que estudantes da Facultade realizaron durante os meses do confinamento motivado pola COVID19.
Os promotores da iniciativa foron Paulino Pérez e Jorge Lens, profesores nos graos de Comunicación Audiovisual e de Publicidade e Relacións Públicas. Durante eses meses propuxeron aos estudantes realizar fotografías que reflectiran as súas experiencias e visións dese período excepcional e por outra, gravar breves pezas de vídeo coas ferramentas das que dispuxesen como móbiles ou cámaras de fotos.
"Creo que a exposición, por unha banda, mostra a competencia e creatividade dos alumnos e por outra, establece unha especie de vínculo ante a chegada do novo curso", apuntou Jorge Lens. Así se seleccionaron preto de 80 instantáneas e 21 curtas que se mostrarán ata o mes de decembro. "É unha exposición que busca poñer a atención no papel da fotografía e o vídeo como ferramenta para expresar emocións", engadiu Paulino Pérez.
Premio no FIC Bueu
Doutra parte, a curtametraxe 'Fermata' realizado por alumnos de Comunicación Audiovisual resultou premiado no Festival Internacional de Curtas de Bueu como mellor traballo de facultades e escolas de imaxe. A curta, traballo tamén de fin de grao, foi dirixida por Julio Freijeiro. Nel "aborda como as esperanzas do protagonista de manter a relación cos seus amigos de universidade se esfuman tras un verán no que apenas compartiron vivencias".
Relacionadas:
-
Bancos e mesas de madeira para aproveitar as zonas verdes do campus
Por Redacción |
-
A UVigo recibe os seus alumnos con sesións informativas sobre as medidas fronte á Covid e entrega de máscaras
Por Redacción |
-
Estudantes de Comunicación converten as súas casas en escenarios para gravación de curtas
Por Redacción |
-
Unha curta creada no campus de Pontevedra, premiada no AWord Short Indie Film Festival de Los Ángeles
Por Redacción |