A inauguración do edificio Sarmiento completa a histórica aposta da mazá cultural
Por Oskar Viéitez
Coa inauguración do edificio Sarmiento, despois de tres anos de obras, a cidade de Pontevedra completa a histórica aposta da mazá cultural.
O edificio Sarmiento, construído entre 1695 e 1714 co nome en honor a Frei Martín Sarmiento, foi na súa orixe sede do colexio da compañía de Xesús. Dende 1981 pertence ó Museo de Pontevedra, e actualmente rehabilitouse e instalouse a colección permanente que se exhibe nas amplas salas e no propio claustro.
O Edificio Sarmiento alberga en termos xerais: Fondos prehistóricos e arqueolóxicos de Galicia, coleccións de olaría popular de Galicia, materiais de orfebrería, coleccións de alfarería tradicional e louza de Sargadelos, cerámica celta, e parte da colección Sánchez Mesas. Acolle tamén salas de fotografía e instrumentos musicais galegos.
Na planta baixa conta cun restaurante e na primeira e segunda, organizadas arredor dun recinto claustral, dispoñense as distintas salas. O claustro permanecía tapiado e cegado de luz dende a construción do propio edificio, agora as cristaleiras instaladas no claustro permiten a entrada de luz ademais de recuperar espazo público e aforrar custos de iluminación. Este claustro será un espazo aberto para o emprego dos cidadáns que desexen visitalo. Por outra banda, acondicionouse a planta baixa para aloxar un restaurante reclamo dos visitantes que serve para potenciar o binomio cultura-gastronomía.
Houbo que realizar por indicación da Consellería de Cultura unha intervención arqueolóxica para conservar a muralla medieval de Pontevedra deixando ao descuberto de forma total os restos da mesma, integrando unha parte no interior do edificio e outra no exterior formando un conxunto unitario.
A recuperación do Edificio Sarmiento supón unha aposta pola cultura e por converter a cidade de Pontevedra en capital cultural, non só das Rías Baixas, se non a nivel nacional e como referente en todo o mundo no eido expositivo e artístico.
A Deputación de Pontevedra investiu entre a rehabilitación do Edificio Sarmiento e a construción do Sexto Museo 28,8 millóns de euros, un incentivo para a dinamización cultural da cidade para atraer o turismo.
Relacionadas:
-
A Deputación terá que pagar un millón de euros de demora polas obras de ampliación no Museo
Por Redacción |
-
Ameazan con levar ao xulgado a reforma do Edificio Sarmiento pola desaparición de pedras do século XVII
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PP critica a ausencia do alcalde na inauguración do Sarmiento e Lores recorda "agravios" recentes
Por Alejandro Espiño |
-
A "vocación de universalidade" do Museo de Pontevedra
Por Redacción |