Espectáculos acrobáticos e humor, oferta do Festival Chalaniñas de Lourido
Por Redacción
A próxima semana, concretamente entre os días 3 e 5 de agosto, Lourido acollerá o Festival Chalaliñas que, segundo o Concello de Poio, é unha das actividades "estrela" do programa Reinicia o Verán, creado para fomentar as actividades festivas na rúa nos meses estivais.
Trátase dunha iniciativa que xa en anos anteriores incluíuse con éxito na Festa do Mar e que está pensada para o goce dos nenos, destacaron o concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, na súa presentación.
Será festival "ideal para gozar en familia", afirmaron os dous edís, e que inclúe malabares, humor e espectáculos 'clown' que farán as delicias dos asistentes. A cita contará cunha actuación por día, todas elas a partires das 20.00 horas.
O Parque de Costa Xiráldez acollerá o luns 3 de agosto a estrea do Chalaniñas, a cargo de Peter Punk Pallaso, que achegará ao público a súa particular visión da pandemia da Covid-19 cun recital que reúne técnicas circenses, malabares e moito humor.
O martes 4, será a quenda de Xampatito Pato, un proxecto dirixido por Jesús Velasco e que conta no seu haber con varios premios e recoñecementos. Esta actuación levarase a cabo na praia de Cabeceira.
Por último, o xoves 5 de agosto, Kanbahiota: La Coquette porá o peche a este festival. Rosina Casteli e Abraham Pavón sorprenderán aos asistentes cun gran repertorio de acrobacias aéreas, con rutinas de trapecio e aro.
O festival desenvolverase, ao igual co resto de actividades do Reinicia O Verán, cumprindo cos protocolos e medidas de seguridade, control de aforo e distanciamento pertinentes, tal e como garantiron os seus responsables.