Aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar nos bolos online do local de música
Por Redacción
O prazo de presentación de solicitudes para participar nos concertos online do Local de Música de Pontevedra está aberto desde este domingo ata o 12 de xullo.
A través dun formulario dispoñible na páxina web do local, a participación está aberta a solistas e bandas con compoñentes con idades superiores aos 16 anos sempre que polo menos un dos membros estea empadroado no Concello de Pontevedra. Polas medidas de seguridade derivadas da Covid-19, o número máximo de integrantes por grupo é de cinco e a matrícula é completamente gratuíta.
Esta iniciativa forma parte dunha serie de accións formativas orientadas á mocidade que desenvolve as súas actividades musicais na cidade e que nesta edición se reformulan e pasan a ser virtuais ante as dificultades de organizar eventos abertos ao público na rúa ou en locais pechados.
Os dez grupos seleccionados dispoñerán dun saldo de 250 euros para a compra de elementos que melloren a súa posta en escena e gravarán as seus microconiertos no interior do local de música, onde se lles ensinará o proceso de gravación de audio e vídeo. Ademais participarán tamén nun proceso formativo e de mentorización adaptado ao mundo dixital e á nova normalidade.
Este proceso inclúe unha sesión inicial grupal online, unha escola online do local con cursos para a comunidade musical, asesoramento grupal e individual para resolver dúbidas e gravacións en directo.
O 13 de xullo realizarase a selección dos grupos que formarán parte do programa de formación que durará ata o 31 deste mes. A gravación das actuacións terán lugar os días 20, 21 e 22 de xullo, mentres que do 27 ao 31 emitiranse as actuacións.