O verán anima ao Cineclube a sacar as súas sesións ao aire libre
Por Redacción
Coa chegada do bo tempo, o Cineclube Pontevedra saca as súas pantallas ao aire libre. Será coa iniciativa Cinema no Xardín, en colaboración co Liceo Mutante. A sede desta asociación cultural, na rúa Rosalía de Castro, acollerá a proxección de tres películas.
A primeira será o mércores 24 de xullo. A película elixida será Le Havre (2011) do finés Aki Kaurismäki. Nela, un escritor vive felizmente no triángulo composto polo seu bar favorito, o seu traballo e a súa esposa, ata que o destino fai que se cruce cun emigrante africano menor de idade que cambiará a súa vida.
As proxeccións continuarán o venres 26 de xullo con Cancións, caras e lugares. Rexistro dunha escena galega, unha selección de vídeos de concertos relacionados dalgún xeito co Liceo Mutante, que foi programada e será presentada por Cibrán Tenreiro Uzal.
Para rematar, o sábado 3 de agosto, Berio Molina e Alexandre Cancelo presentarán 7 Limbos, que vén de ser estreada na X Mostra de Cinema Periférico (S8).
A entrada para ver as tres sesións, que comezarán ás 22.30 horas, será gratuíta.