O FICBUEU consolida a súa proxección internacional e recibe curtas de 56 países dos cinco continentes
Por Redacción
A sexta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu será a que conte con máis producións estranxeiras na sección oficial, que vén de facerse pública esta semana. Entre as 25 obras seleccionadas para o evento, que se desenvolverá entre o 2 e o 7 de setembro, hai un filme galego, outro español e unha coprodución italoespañola.
As cintas restantes proveñen doutros 18 países entre os que se citan Rusia, Brasil, Kirguizistán, Estados Unidos, Montenegro e, sobre todo, Francia. Destaca tamén a animación, con cinco propostas.
O FICBUEU2013 bateu o récord de participación ao recibir 675 curtas de 56 nacionalidades dos cinco continentes, cen máis que en 2011 e case duascentas máis ca o ano pasado, cando descendera principalmente a produción estatal.
Esta é ademais a primeira edición na que xornalistas e académicos estranxeiros de lugares coma Exipto ou Israel solicitan acreditarse para asistir ás proxeccións.
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu continúa así expandíndose pese a non contar este ano con máis apoio económico ca o do Concello de Bueu, ente organizador que asume a totalidade dos 15.000 euros de orzamento, sen dispor de achegas doutras administracións públicas nin de entidades privadas.
Podedes consultar a listaxe completa no web oficinal do festival.